Inicia o seu funcionamento en quenda de tarde mentres se execute a reforma dun ala do actual centro de saúde, onde se emprazará esta Unidade
O Servizo Galego de Saúde pon en marcha hoxe a nova Unidade de Saúde Mental ambulatoria no centro de saúde de Ponteareas, que será referencia para a poboación adulta da comarca de O Condado. En total, dará cobertura a 50.000 persoas dos concellos de Ponteareas, Mondariz, Mondariz Balneario, A Cañiza, Covelo, Crecente, Arbo, As Neves e Salvaterra de Miño.
A nova Unidade conta cun equipo de 5 profesionais: 2 psiquiatras, 1 psicólogo, 1 enfermeira especializada en saúde mental e 1 administrativo.
Polo de agora, mentres se executa a reforma no andar -1 do actual centro de saúde, o servizo inicia o seu funcionamento con 1 psiquiatra e en quenda de tarde. Debido as limitacións espaciais do edificio sanitario e a ausencia de localizacións alternativas no concello, o Sergas tivo que acometer esta obra que acollerá a totalidade da Unidade nunha ala do centro.
O xerente da Área Sanitaria de Vigo, Javier Puente, quixo agradecer publicamente a colaboración prestada polo persoal, “pois fixeron un importante esforzo cedendo varios dos espazos en uso actualmente, os vestiarios e un almacén, comprendendo a necesidade de que esta Unidade iniciase a súa actividade nesta comarca de xeito inmediato”.
Así, ata que se poida dispoñer dos espazos reformados, o novo dispositivo sanitario comeza hoxe a realizar consultas na queda de tarde do centro de saúde, coa finalidade de incrementar a accesibilidade e reducir lista de espera.
De feito, con esta nova dotación se mellora de xeito moi significativo a accesibilidade da poboación desta comarca ao sistema sanitario, xa que non terán que desprazase a Vigo a recibir este tipo de atención, dispoñendo neste centro dun equipo de profesionais especializados e dunha completa carteira de servizos para ofrecer unhas prestacións coas máximas garantías.
Novas Unidades na Área de Vigo
Este novo servizo sanitario se enmarca no Plan Estratéxico de Saúde Mental 2020-2024 que o SERGAS está acometendo e que contempla un importante incremento de recursos e dotacións para Galicia. A Unidade de Ponteareas estaba planificada para o próximo ano 2023, se ben debido á situación actual de incremento notable da demanda e a firme aposta pola saúde mental da Xunta, o Sergas decidiu adiantar a súa posta en funcionamento.
Neste contexto, a Área de Vigo experimentou nos últimos meses un pulo moi significativo neste eido, creando novas Unidades con dotacións de persoal e ofertando novas prestacións asistencias na carteira de servizos da saúde mental.
Entre esas novas Unidades cabe subliñar a de Prevención do Suicidio no centro de saúde de Taboada Leal; a ambulatoria de Saúde mental en Tui; a ambulatoria infanto-xuvenil no Álvaro Cunqueiro e o Hospital de Día no Nicolás Peña. Ademais, proximamente vaise abrir a nova Unidade de Hospitalización de menores no hospital Álvaro Cunqueiro.

