O Sergas dota de radioloxía de tarde á comarca do Morrazo

Esta semana púxose en marcha unha nova Unidade de Radioloxía de tarde no centro de saúde de Cangas, que da cobertura á poboación de Cangas e Moaña en horario de 15.00 horas a 22.00 horas

A Área Sanitaria de Vigo ven de dotar á comarca do  Morrazo de novas prestacións sanitarias. Así, desde o pasado luns día 12, o centro de saúde de Cangas conta cunha nova Unidade de Radioloxía en xornada de tarde, que da cobertura á poboación de Cangas e Moaña.

Para isto foi necesario incrementar os recursos humanos cun novo técnico superior especialista en Imaxe Diagnóstica, que prestará servizo de luns a venres desde as 15.00 h. ás 22.00 h.  Ademais, tamén dará apoio ao Punto de Atención Continuada (PAC) cando os profesionais o requiran.

Esta nova oferta asistencial, ven a ampliar a actividade da Unidade de Radioloxía de  mañá. A previsión é que soamente na xornada de tarde se realicen unhas 6.500 probas diagnósticas anuais. Se trata de estudos de radioloxía simple como son as placas de tórax, músculoesquelético e abdome.

Mellora da atención sanitaria

En xeral, con  esta nova oferta asistencial increméntase considerablemente a calidade  asistencial prestada á poboación, xa que ademais de axilizar os tempos de espera para a realización destas probas diagnosticas, supón unha mellora na accesibilidade dos pacientes ao sistema sanitario.

A ampliación do horario, en xornada de tarde, é un feito de especial interese sobre todo para a poboación traballadora e escolar.