Ofertouse un nomeamento de interinidade a 27 profesionais de atención primaria e 45  de hospitalaria

Máis da metade destes contratos de longa duración son prazas de nova creación

No día de mañá, 1 de setembro, xa se incorporan ás súas novas prazas 34 profesionais de enfermaría 

Con esta medida avánzase no obxectivo de reducir a taxa de eventualidade da organización e na aposta da sanidade viguesa pola estabilidade no emprego dos profesionais

A Área Sanitaria de Vigo continúa dotando de estabilidade laboral ao seu persoal, ofertando interinidades a 72 profesionais das distintas categorías, tanto no ámbito da Atención Primaria (27) como da Atención hospitalaria (45). Ademais, hai que subliñar que o 54%  destes contratos de longa duración que se están a ofertar son prazas de nova creación.

Neste senso, 72 persoas anotadas nas bolsas de emprego (listas de  selección de persoal estatutario temporal do Servizo Galego de Saúde), poderán acceder a un dos contratos de longa duración para traballar en Atención Primaria ou nos hospitais do Chuvi, nunha iniciativa de promoción da estabilidade do persoal eventual, ata a súa cobertura definitiva mediante convocatoria das ofertas públicas de emprego.

Este sistema supón un importante esforzo de planificación da Dirección de Recursos Humanos, na liña marcada polo Sergas, na procura de potenciar a estabilidade laboral do persoal temporal e, moi especialmente, mellorar a conciliación da vida persoal e profesional das persoas que fan posible que os centros sanitarios manteñan a súa actividade os 365 días do ano, permitindo o necesario descanso dos titulares.

Todos os contratos cóbrense de xeito prolongado co persoal da lista de contratacións, seguindo como sempre a orde de puntuación, resultante da baremación da nota dos exames das OPEs (Oferta pública de emprego) previas, experiencia e méritos académicos ou formación.

Maña incorpóranse 34 enfermeiros/as

Así, na xornada de mañá, 1 de setembro, xa estrearán as súas novas prazas as 34 primeiras enfermeiras, 18 no Álvaro Cunqueiro e 17 nos centros de saúde da Área. Ao longo do mes de setembro iranse incorporando o resto de profesionais .

En total, en Atención Primaria serán 27 ( 21 enfermeiras/os; 2 enfermeiras especialistas en medicina familiar e comunitaria; 1 fisioterapeuta e 3 PSX, persoal de servizos xerais). 

Nos hospitais do Chuvi son 45 as prazas cubertas mediante nomeamento de interinidade (18 enfermeiras/os; 10 técnicos en coidados auxiliares de enfermaría; 6 técnicos superiores sanitarios; 7 auxiliares administrativos e 4 celadores) . En conclusión, con esta medida, a Área de Vigo reduce a taxa de eventualidade da organización en aras de dotar de maior estabilidade no emprego ao persoal das distintas categorías profesionais, favorecendo a conciliación laboral e familiar e mellorando tamén a continuidade asistencial.