As persoas usuarias poden pedir cita na web www.xustiza.gal para trámites e consultas ou fes de vida
O novo sistema mellorará o servizo para a cidadanía e evitará desprazamentos innecesarios ás sedes xudiciais
O Rexistro Civil de Ponteareas comezou hoxe a operar co sistema de cita previa a través de internet. As persoas usuarias xa poden reservar cita a través da páxina web www.xustiza.gal para trámites e consultas ou fes de vida. Desta forma, preténdese mellorar o servizo que se ofrece á cidadanía e evitar desprazamentos innecesarios á sede do rexistro, en cumprimento das medidas implementadas nos edificios xudiciais galegos como consecuencia da crise sanitaria da COVID-19. Ponteareas é o primeiro partido xudicial, tras os das grandes cidades, en implementar este sistema.
As citas para realizar trámites e consultas outórganse os martes, mércores e xoves, cada quince minutos. Os martes, de 10.45 a 12.45 horas; os mércores, de 10 a 11 horas, e de 11.45 a 13 horas; e, os xoves, de 10 a 12 horas. Para as fes de vida, os usuarios/as poderán reservar vez, cada cinco minutos, os martes, de 10 a 10.40 horas; os mércores, de 11 a 11.40 horas; e, os xoves, de 12 a 12.40 horas. A páxina web tamén permite a descarga de documentos que hai que cumprimentar para efectuar trámites relacionados con matrimonios, duplicados de libros de familia, nacionalidade e cambio de nome e/ou apelidos.
Os certificados de nacemento, matrimonio e defunción ocorridos no termo municipal de Ponteareas deberán solicitarse a través do correo electrónico registrocivil.ponteareas@justicia.es, indicando nome, apelidos e a data do feito. A inscrición de recén nados e a obtención do impreso de últimas vontades non necesitan cita previa. Os usuarios/as que desexen realizar algunha xestión que non estea recollida no sistema, deben poñerse en contacto a través do correo electrónico.
Este novo servizo, cuxa implantación se realiza desde a Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia (Amtega), dependente da Xunta, enmárcase dentro das medidas adoptadas na comunidade galega para facer fronte á Covid-19 no ámbito da Administración de Xustiza.

