O Retapas enche o Casco Vello de propostas gastronómicas

O certame gastronómico, que se enmarca na celebración da festa da Reconquista, conta nesta nova edición coa participación de 29 locais de hostalería, que agardan a visita dos comensais para puntuar as súas tapas

Desde este sábado, 5 de marzo, e ata o día 20, a hostalería do Casco Vello de Vigo celebra unha nova edición do concurso gastronómico “Retapas”, que se enmarca nas actividades do programa da Festa da Reconquista 2022.

A presentación do concurso celebrouse este venres no Mercado do Berbés, coa presenza de boa parte dos 29 locais de hostalería que participan na convocatoria e aos que o alcalde eloxiou por “cooperar para facer un produto global mellor”. Apuntou o alcalde a “emerxencia extraordinaria do Casco Vello” que é o “lugar no que naceu Vigo, polo que é de todas e todos e é un mobilizador da cultura”. Así, convidou a toda a cidade a acudir ao Casco Vello a degustar algunhas das propostas que puideron verse na presentación do concurso.

Juanjo Figueroa, presidente da Asociación de Hostaleiros e Comerciantes do Casco Vello, trasladou a ledicia da entidade pola participación do sector neste concurso, a quen quixo agradecerlles o esforzo por formar parte desta iniciativa. Amais, agradeceu o apoio e traballo conxunto do Concello e da asociación veciñal e cultural.

José Fumega, presidente da Asociación Veciñal e Cultural do Casco Vello, participou tamén na presentación na que estiveron outros membros da entidade.