Reigosa demanda un incremento do financiamento e amósase «positivo» co novo mapa de titulacións
Debate, negociación e consenso. Estas son as claves que propuxo o reitor de cara ao proceso de posible traslado de titulacións do campus de Vigo ao centro da cidade. Manuel Reigosa presentou ao Claustro este martes un informe sobre as actuacións levadas a cabo de cara a iniciar este camiño e sobre as posibilidades de futuro. Reigosa remarcou que de momento a Universidade non conta con “ningún novo espazo na cidade” e avanzou que cando o haxa, “o movemento será por consenso; se un centro non quere baixar, quedará no campus”.
Tamén avanzou que, con estes posibles traslados de titulacións ao centro de Vigo, “non se abandona o campus dado que só temos posibilidade de mover uns poucos títulos”. Así, en Lagoas-Marcosende quedarían o resto das titulacións e empregaríanse os espazos baleiros para crear un “parque científico e tecnolóxico do sur de Galicia”. Ante os argumentos do reitor, os membros do Claustro demandaron a Reigosa máis información ao respecto, avaliar o impacto e a viabilidade do proceso antes de tomar ningunha decisión e lembraron a necesidade de debater en profundidade “o modelo de universidade que queremos para o futuro”, en palabras do profesor Iván Area.
Na súa intervención, o reitor recoñeceu que plantexar este posible traslado é un tema “disruptivo” pero considera que representa para a institución unha oportunidade para captar novo alumnado nun contexto de crise demográfica que se agudizará nos próximos anos. Segundo explicou, o equipo de goberno conta con informes que sosteñen que as titulacións dos campus urbanos teñen mellor acollida que as dos extraurbanos, como é o caso do de Vigo. Neste sentido, e atendendo a datos que amosan unha constante diminución da poboación, Reigosa considera que trasladar titulacións a un espazo urbano e facelas máis atractivas, podería permitir á UVigo resistir mellor os efectos da crise demográfica.
O reitor asumía na súa intervención que sempre foi un firme defensor do modelo dunha cidade universitaria, “que con 30.000 alumnos parecía posible”, pero considera que xa non o é con 20.000. Neste sentido, Reigosa trasladou ao Claustro as dúas principais posibilidades que defende que a Universidade ten para descentralizar titulacións: os edificios de Zona Franca en López Mora e os terreos da ETEA.
Folla de ruta e razóns para o traslado de titulacións
Na súa intervención, Manuel Reigosa presentou a folla de ruta para encarar un proceso que comezou en marzo e lle permitiu manter xa xuntanzas con todos os decanatos e direccións de Vigo e tamén con representantes do alumnado. Agora, tras presentar o tema no Claustro, tamén terán lugar reunións con representantes de traballadores, así como unha consulta aos centros. Con este obxectivo, hoxe aprobouse a creación dunha comisión, que será a encargada de organizar este proceso e pactar a pregunta que se trasladará á comunidade universitaria. Unha vez coñecida a postura de cada escola e facultade, realizaranse os estudos de viabilidade financeira e análise de riscos para o traslado de aqueles que así o decidan. Tras ser debatidas e analizadas suficientemente cada unha das posibilidades, pasarán aos órganos de goberno para a toma de decisións.
O principal motivo esgrimido polo reitor para propoñer este traslado de titulacións á cidade é a necesidade de captar alumnado. Reigosa lembrou que o financiamento da Universidade depende dos créditos matriculados, “polo que a captación de novo alumnado é un obxectivo de primeiro nivel”. A este respecto, e tras destacar que este achegamento a Vigo xa está recollido no recentemente aprobado Plan Estratéxico da UVigo, expresou o seu convencemento de que “o factor afastamento do campus é un elemento de desincentivación” na atracción de novo alumnado e avanzou que a UVigo está a elaborar dúas enquisas (unha con alumnado de Bacharelato e outra con persoas egresadas) para coñecer como cambiaría a súa percepción das titulacións se estas se impartisen no centro.
De feito, reitor referiuse á diferente evolución dos tres campus da UVigo “nun contexto de caída de matrícula”. Mentres en Ourense e Pontevedra, dous campus urbanos, a matriculación crece, en Vigo decae. Así, Ourense pasou de 3800 estudantes no curso 2011-2012 a 3900 na actualidade e Pontevedra de 3200 a 3500. Vigo, pola contra, cae de 11.300 a 8600. Ao seu parecer, trasladar titulacións ou servizos ao centro podería axudar a facer fronte a un futuro de crise demográfica, polo que animou á comunidade universitaria a “pensar a longo prazo, a decidir o mellor para a Universidade de Vigo dentro de 15 ou 20 anos deixando fora debates partidistas”.
Campus de Peniche e Campus de Teis
A curto e medio prazo o reitor presentou dúas posibilidades de crecemento no centro de Vigo. Por unha banda, o complexo de López Mora, de 17.000 metros cadrados e propiedade de Zona Franca, que uníndose aos centros que xa están en Torrecedeira conformaría o Campus de Peniche. “O noso obxectivo é que os alumnos poidan seguir a meirande parte das clases ou todas sen saíren de Vigo cidade”, reducindo así o tempo en desprazamentos e abaratar custos, por exemplo en luminarias, viais, limpeza exterior, xardinería no campus. Esta aposta permitiría, segundo o reitor, “ter máis presenza na cidade; que a Universidade se vexa como un activo próximo. Isto axudará na relación cos axentes sociais e na captación de alumnado” ao tempo que favorecerá “a realización de actos culturais e sociais de todo tipo… en horarios acaídos e con asistencia de público (universitario e non universitario)”.
Por outra banda, a medio prazo a Universidade crecería nos terreos da ETEA, no que se conformaría o Campus de Teis, centralizando a docencia e a investigación relacionada co mar arredor do edificio Faraday, pertencente á UVigo, e previsiblemente tamén do Siemens e do Morse, para o que se está a negociar con Zona Franca e Xunta de Galicia, respectivamente. O primeiro sería o centro desta Cidade do Mar e albergaría tamén a sede da Universidade de Verán. O segundo albergará os laboratorios comúns de investigacións mariñas, baixo a denominación Centro Atlántico de I+D. No caso de acordar a cesión do Morse, este acollería un aulario.
Sobre o futuro do actual campus, a posta da Reitoría como explicou Reigosa no Claustro é convertelo “no parque científico tecnolóxico do sur de Galicia, con centros singulares de investigación en economía, ciencias biomédicas, enxeñaría das telecomunicacións, industria 4.0, etc”. Quedarían nas Lagoas-Marcosende os centros singulares e institutos de investigación (agás CIM), é dicir: atlantTic, Cinbio, Cintecx; Ecobas e Cacti xunto con todas as titulacións que prefiran non baixar á cidade.

