O ránking de Shanghai sitúa á UVigo entre as 100 mellores universidades do mundo en Ciencia e Tecnoloxía dos Alimentos e Oceanografía

Vista aérea do Campus de Vigo.

A institución sitúase entre as 500 mellores en 12 ámbitos do Global Ranking of Academic Subjects

Elaborado por Shanghai Ranking Consultancy, responsable do prestixioso ránking ARWU, máis coñecido como o ránking de Shanghai, este luns deuse a coñecer o Global Ranking of Academic Subjects (GRAS) 2020, unha clasificación das mellores universidades do mundo en 54 materias ou ámbitos.

Nel, a Universidade de Vigo sitúase entre as institucións académicas de referencia en 12 categorías, destacando a posición que ocupa nos ámbitos de Ciencia e Tecnoloxía dos Alimentos, entre as 75 mellores do mundo, e Oceanografía, eido no que figura entre as 100 primeiras.

Vigo atópase así mesmo entre as 200 mellores universidades en Enxeñaría de Telecomunicación, entre as 300 primeiras en Xestión Turística e entre as 500 mellores en Ciencias da Terra, Ecoloxía, Ciencias Atmosféricas, Enxeñaría Eléctrica e Electrónica, Enxeñaría Química, Ciencias e Enxeñaría da Enerxía, Biotecnoloxía e Ciencias Agrícolas.

A presenza da UVigo no ránking en posicións nalgún caso relevantes é moi positiva, tendo en conta que somos unha universidade nova e cun financiamento modesto”, salienta a vicerreitora de Investigación, Belén Rubio, respecto da posición da institución neste ránking, que dá mostra “do gran potencial do noso persoal investigador e o éxito da confluencia nos centros de investigación”.

Elaborado a partires dunha serie de indicadores que miden “a calidade da investigación, a extensión da colaboración internacional, a investigación de alta calidade e os recoñecementos académicos máis elevados”, segundo explican os seus responsables, nesta clasificación están presentes máis de 1.800 universidades de 90 países, que “compiten, baixo os mesmos indicadores”, salienta Rubio, que lembra que o investimento en I+D en España “segue a ser dos máis baixos” da Unión Europea. 

Dous ámbitos que melloran posicións

Nas dúas materias nas que figura entre as 100 mellores, a Universidade mellora tamén as súas posicións no ránking con respecto a 2019. No caso de Ciencia e Tecnoloxía dos Alimentos, pasa do bloque das 76 a 100 primeiras ao tramo 51-75, situándose tamén entre as mellores de España neste eido, só por detrás de Valencia, Politécnica de Valencia, Granada e Sevilla e no mesmo tramo que Lleida e Rovira i Virgili. En Oceanografía, a UVigo pasa do bloque 101-150 ao 76-100, erixíndose tamén como unha das mellores universidades españolas, só por detrás de Barcelona e Baleares e no mesmo grupo que a Autónoma de Barcelona.

Respecto dos ascensos nestes ámbitos, Rubio pon de relevo o que a estes puideron achegar “a potenciación destas dúas liñas de investigación no marco das agrupacións estratéxicas e centros de investigación e os programas de captación de talento investigador”. No referido a Ciencia e Tecnoloxía dos Alimentos, salienta o labor da agrupación estratéxica Citaca (Clúster de Investigación e Transferencia Agroalimentaria do Campus da Auga), que aglutina varios grupos da Facultade de Ciencias do campus de Ourense e da Facultade de Bioloxía e Química de Vigo.

“A unión destes grupos potenciou claramente as sinerxías e mellorou os resultados científicos e o número de artigos indexados no Citation Index”, un criterio cun “alto valor” neste ránking, como lembra Rubio, que sinala tamén que os programas de captación permitiron á Universidade incorporar nesta área a “dous investigadores altamente citados”, Maurizio Battino e Francesca Giampieri, tendo en conta que “outro dos principais indicadores” do ránking é o número de investigadores co selo de Highly Cited Researchers

Con respecto á Oceanografía, a vicerreitora pon o acento no papel xogado polo Campus do Mar e o seu programa de doutoramento internacional DOMAR, “unha plataforma de formación de excelencia de novos investigadores”, que posibilitou a defensa o pasado ano de máis de 20 teses nesta área, todas precedidas da publicación de artigos en revistas do Science Citation Index. Tamén salienta o traballo desenvolvido polo Centro de Investigación Mariña (CIM), a captación de investigadores, como Elena Ojea, a través dos programas do Consello Europeo de Investigación (ERC) e Gianluca Marino, a través do programa de captación de talento da propia institución, así como as publicacións en revistas do impacto de Nature ou Science.

Telecomunicación e enerxía

Ao igual que en 2019, a UVigo sitúase de novo entre as 200 primeiras universidades do mundo deste eido, sendo tamén a cuarta mellor de España, por detrás da Politécnica de Cataluña, Carlos III de Madrid e Politécnica de Valencia. Neste eido, Rubio pon de relevo a “longa traxectoria de atlanTTic, que, ao igual que o CIM, “revalidou como centro de investigación na última convocatoria da Xunta”. Mantense así mesmo no tramo 201-300 en Xestión Turística e incorpórase ás 400 mellores en Ciencia e Enxeñaría da Enerxía, ámbito no que non figuraba o pasado ano. Detrás deste ascenso, salienta Rubio, podería estar a posta en marcha do Cintecx, o Centro de Investigación en Tecnoloxías, da Enerxía e Procesos Industriais, ámbito no que Vigo “foi pioneira entre as universidades do SUG”. 

Tamén no tramo 301-400, mantéñense con respecto o ano pasado Ciencias Atmosféricas e Enxeñaría Química, situándose así mesmo neste treito Enxeñaría Eléctrica e Electrónica, que en 2019 figuraba entre as 200 mellores. No referido ao bloque que vai da 401 a 500, continúa neste Ciencias da Terra, e sitúanse nel tamén Ecoloxía, Bioteconoloxía e Ciencias Agrícolas, clasificadas todas elas no bloque previo o pasado ano. 

Cooperación e captación para recuperar posicións

Á vez que Ciencia e Enxeñaría da Enerxía se incorpora a este ránking, a UVigo perde presenza neste en catro áreas nas que si figuraba entre en 2019, Química, Ciencias e Enxeñaría Medio Ambiental, Economía e Enxeñaría Civil. A este respecto, a vicerreitora de Investigación pon de relevo a importancia tanto da captación de talento como das sinerxías entre grupos como claves para “mellorar a captación de fondos” e os resultados científicos.

Temos que seguir traballando nestes sentido para mellorar estas caídas nalgúns ámbitos e volver a valores mellores de anos precedentes”, salienta Rubio, que sinala a importancia de potenciar “novos centros de investigación noutros ámbitos” e a captación de talento. A este respecto, salienta que a última convocatoria do programa Ramón y Cajal permitirá á institución incorporar “varios investigadores de gran talento, algún deles no ámbito da Química, á vez que incide na necesidade de “reorientar cara estes ámbitos” a captación de investigadores a través as convocatorias do ERC e dos programas Ramón y Cajal y Beatriz Galindo.

DEJA UNA RESPUESTA

Por favor ingrese su comentario!
Por favor ingrese su nombre aquí