O proxecto Sherpa do Mar celebra a próxima semana o seu terceiro Encontro Universidade-Empresa

Centrarase nos produtos e servizos de alto valor engadido no eido mariño e marítimo

Os produtos e servizos de alto valor engadido no eido mariño e marítimo centrará o terceiro e último encontro Universidade-Empresa que organiza do proxecto Sherpa do Mar. Tras unha primeira cita en xuño arredor das infraestruturas, portos e enerxía renovables mariñas e unha segunda en setembro sobre pesca, acuicultura e cambio climático, este novo encontro pechará este ciclo que ten como finalidade promover a transferencia de coñecemento e o networking entre a comunidade científica e o mundo empresarial relacionado co mar.

O encontro, que se desenvolverá en modalidade virtual, celebrarase entre o 13 e 15 de decembro, e incluirá xuntanzas B2B (Business to Business) de 20 minutos de duración ao longo dos tres días, así como xornada divulgativa que terá lugar o día 14 con poñentes de primeiro nivel.

A atención centrarase en temas como os novos produtos e servizos no eido mariño e marítimo, o uso de recursos naturais, a innovación tecnolóxica e os novos modelos de negocio, a especialización do sector, o proceso de extracción e transformación e o crecemento intelixente e sostible. O obxectivo é crear un punto de encontro entre a comunidade investigadora e o mundo empresarial, no que se promova a transferencia de coñecemento como fonte de mellora da competitividade no sector mariño-marítimo da Eurorrexión Galicia-norte de Portugal. Ao tempo, búscase impulsar a detección de novas oportunidades, mercados e vías de negocio ou de colaboración, ademais do achegamento do mundo empresarial e da sociedade coa comunidade científica. 

Xornada divulgativa

Na xornada divulgativa do día 14 participarán poñentes da talla de Patricia Fernández Liz, directora da área de servizos da Axencia Galega de Innovación, que presentará a rede galega de aceleradoras de emprendemento e a Estratexia de Consolidación do sector biotecnolóxico de Galicia 2021-2025. Pola súa banda, Tania Tato, do Campus do Mar, presentará o proxecto do Laboratorio Transfonteirizo de Biotecnoloxía Mariña BlueBioLab e Jorge Sineiro, socio e responsable técnico de Celtalga Extract SL, explicará os desenvolvemento que están levando a cabo no eido da cosmética obtidos a partir de microalgas.

Tamén participarán na xornada Elisabete Matos, coordinadora técnica-científica do Blue Bioeconomy CoLAB de Portugal, que describirá os principais desafíos da bioeconomía azul; Lucía Castro, xerente do Hub de Innovación Dixital galego, DIH DATAlife , que falará dos servizos para a dixitalización do sector mar-industria e o coordinador de emprendemento, innovación, inversión e financiamento da economía azul do Fórum Oceano, Rubén Eiras, que presentará o Portugal Blue Digital Hub (Polo de Innovación Dixital da Economía Azul).

Completarán o programa, Diego Méndez, persoal investigador da División de Sostibilidade e Economía Circular de Anfaco-Cecopesca, que falará sobre a valorización de algas de arribazón no marco do proxecto ALEHOOP; Joana Laranjeira, directora de I+D e planta de Allmicroalgae-Natural Products SA,  que explicará o cultivo a escala industrial de microalgas para aplicacións alimentarias levadas a cabo no proxecto Algavalor e, finalmente, Carlos Esteban, socio do fondo de capital risco Faber Blue Pioneers, que presentará as oportunidades de financiación de empresas de economía azul.

A xornada finalizará co pitch de algúns dos proxectos que se están acelerando no programa de acompañamento ao emprendemento Sherpa Journeys, de Sherpa do Mar, como SUBGO, Valbiosea e North Wind Sailing for Science.