Presentaron avances sobre a monitoraxe da poboación de velutina ou a protección das abellas
Algúns dos especialistas máis destacados na loita contra a avespa asiática arredor do mundo danse cita dende este mércores no campus de Vigo nun congreso organizado polo proxecto Atlantic-POSitiVE (Conservation of Atlantic Pollination services and control of the invasive species vespa velutina). Esta é a maior iniciativa de investigación posta en marcha en Europa para frear a invasión da avespa asiática, liderada polo Centro de Estudos Eurorrexionais Galicia Norte de Portugal, CEER, unha entidade formada polas seis universidades públicas deste territorio. O proxecto conta cun orzamento de máis de 2,3 millóns de euros e implica a dez institucións de España, Portugal, Francia, Irlanda e Reino Unido, coas que colaboran tamén outros vinte organismos, entre eles asociacións de apicultores de varios puntos de España, Portugal e Francia.
Tras máis de dous anos de traballo, os parceiros do proxecto reúnense no campus de Vigo ao longo das xornadas de hoxe mércores e mañá xoves para presentar as investigacións desenvoltas e tamén os avances que se están conseguindo noutras partes do mundo, para o que contan coa participación de investigadores como James C. Nieh, da University of California San Diego ou Jacqueline Beggs, da Faculty of Science to School of Biological Sciences, de Auckland. En total, ao longo das dúas xornadas desenvolveranse 19 relatorios de expertos e expertas de EEUU, Nova Zelandia, España, Portugal, Francia, Reino Unido, Irlanda e Italia.
Ao proxecto aínda lle queda por diante algo máis dun ano de traballo, xa que a causa da pandemia da covid-19 moitos dos estudos tiveron que paralizarse, polo que foi prorrogado ata decembro de 2022. Entre os avances que xa se desenvolveron ata agora, neste simposio preséntanse por exemplo a creación dunha cartografía da expansión da V. velutina en Europa ou melloras nos mecanismos de seguimento e detección desta especie.
Traballar en rede fronte a un problema global
A interdisciplinariedade e o carácter internacional foron dúas das características deste proxecto que puxeron en valor na apertura do congreso o reitor da UVigo, Manuel Reigosa, o director da Fundación CEER, Ángel Miramontes e a directora xeral de Patrimonio Natural, Belén María do Campo Piñeiro. Miramontes lembrou que se trata do “maior esforzo e coordinación de loita contra esta praga a esta escala territorial” e o coñecemento que del xurda axudará, segundo o reitor, “a desenvolver ferramentas para o control desta especie invasora, que é un problema moi importante nesta área atlántica”. O responsable da fundación e o reitor tamén coincidiron á hora de poñer en valor o carácter internacional do proxecto, coordinado polo CEER e, polo tanto, liderado dende Galicia e o norte de Portugal, pero con participación de equipos de dez países, formados tanto por universidades, como por administracións e a sociedade, “favorecendo a transferencia do coñecemento e dos resultados da investigación”, como destacaba Miramontes.
Pola súa banda, Belén María do Campo Piñeiro lembraba que este proxecto Atlantic Positive ten o seu xermolo nun convenio asinado pola súa Dirección Xeral de Patrimonio Natural coas universidades de Santiago e Vigo para o estudo do comportamento, do hábitat e do impacto nos ecosistemas da Vespa velutina co fin de mellorar os métodos de control existentes. O proxecto actual, recalcaba, está chamado a “convertese nun punto de inflexión na loita contra a avespa asiática” avanzando en diferentes eidos, como a mellora do coñecemento da súa bioloxía, o estudo do impacto sobre os ecosistemas, a creación de novas ferramentas para a prevención da expansión da especie, etc. Tamén fixo referencia a outras liñas de traballo, como os novos métodos de control a través de sistemas de detección de niños, captura de individuos ou o desenvolvemento de novas técnicas apícolas para minorizar o impacto da V. velutina nos apiarios. A representante da Xunta avanzou que se está a traballar, xunto coa Universidade da Coruña, nun plan estratéxico transnacional para a prevención, o control e xestión das áreas afectadas no arco atlántico, que irá incorporando os resultados deste proxecto, e que agardan ter rematado na próxima primavera.

