O programa electoral do PPdeG reflexará o “estilo Rueda” e será “participativo, de amplo espectro social, pegado á terra e á xente e pensado para unha Galicia que non para”

Paula Prado sostén que a idea que definirá este documento será a estabilidade e que a través del tratarán de buscar unha solución a cada cuestión que propoñan os galegos e as galegas

“Fronte a un multipartito que cada vez que fai un anuncio se converte en mentira e se queremos que en Galicia siga imperando o sentidiño e siga sendo unha illa de estabilidade, a única alternativa é apostar por Alfonso Rueda”, salienta

Valentín García, coordinador do programa: “Todos e todas somos importantes para o PPdeG e este programa pretende ser un documento aberto, colaborativo, dinámico, efectivo e vivo. Queremos que sexa o programa de todos e de todas: o programa que máis se parece a Galicia”

O PPdeG anunciou hoxe que o programa electoral co que concorrerá ás eleccións do 18 de febreiro reflexará “estilo Rueda” na medida en que será “participativo, de amplo espectro social, pegado á terra e á xente, impregnado da nosa forma de ser e pensado para unha Galicia que non para”.

Así o definiu hoxe a secretaria xeral dos populares galegos e tamén coordinadora da campaña, Paula Prado, que recoñeceu a “especial motivación” que supón elaborar o primeiro programa electoral de Alfonso Rueda e a “ilusión” que xera a oportunidade de “poñer sobre o papel as medidas e os proxectos que a sociedade galega demanda e facer dese documento a proposta dunha Galicia aínda mellor”.

“O noso programa falará de políticas sociais, de educación, de sanidade, de igualdade, de industria, de xuventude, de vivenda, do noso mar e do noso agro e un longo etcétera. Pero, sobre todo, falará de estabilidade. E tratará de buscar unha solución a cada cuestión que nos propoñan os galegos e as galegas”, explicou.

Neste sentido recordou que o PPdeG conta con máis dunha vintena de comisións sectoriais que funcionan como “laboratorio de ideas” e que están achegando as súas propostas. Ademais de contar tamén cun proxecto político “baseado na experiencia de goberno de Galicia ao longo de 15 anos e pensado desde a responsabilidade, a unidade e o sentido de país”.

“Fronte a un multipartito que cada vez que fai un anuncio se converte en mentira e se queremos que en Galicia siga imperando o sentidiño e siga sendo unha illa de estabilidade, a única alternativa é apostar por Alfonso Rueda”, concluíu.

VALENTÍN GARCÍA: “QUEREMOS QUE SEXA O PROGRAMA DE TODOS E TODAS E O QUE MÁIS SE PAREZA A GALICIA”

Xunto a Paula Prado estaban o coordinador do programa electoral, Valentín García, e unha das compoñentes do equipo redactor, Carmen Pomar. Representantes ambos dun amplo equipo “en permanente contacto coa sociedade” e que aspira a contar cun “amplo espectro de colaboracións e achegas por parte de todos os sectores da sociedade galega”.

De feito, o coordinador do programa quixo facer un chamamento a todos os galegos e galegas a participar nel e facer aportacións e trasladar as súas inquedanzas a través da páxina web rueda.gal. Porque só así, explicou, se pode facer “un programa pensado por e para Galicia e que permita protexer a estabilidade que permitiu o progreso da nosa Comunidade ao longo destes anos”.

“Todos e todas somos importantes para o PPdeG e este programa pretende ser un documento aberto, colaborativo, dinámico, efectivo e vivo. Queremos que sexa o programa de todos e de todas: o programa que máis se parece a Galicia”, indicou Valentín García ao respecto.