Haberá funcións ata finais de setembro en 17 localidades das áreas da cidade, O Morrazo, O Baixo Miño, O condado e A Paradanta
O circuíto cultural programado en colaboración cos concellos bate este ano récord de participación con 164 localidades adheridas, que ofrecerán arredor de 680 actuacións a cargo de 240 formacións artísticas
As comarcas de Vigo e da súa contorna acollerán ao longo do verán 64 espectáculos escénicos enmarcados no programa Cultura no Camiño, promovido pola Xunta en colaboración cos concellos. Haberá funcións nas áreas da cidade, O Morrazo, O Baixo Miño, O Condado e A Paradanta, cuxo calendario pode consultarse no web de Cultura. Nesta edición, o circuíto bate o seu récord de participación, con 164 entidades locais adheridas.
A programación na comarca de Vigo arrincou a finais de xullo en Baiona cos concertos do Grupo 3 Pesos e de Guadi Galego. Neste concello haberá unha nova función a finais de setembro da man da humorista Marta Ortiz. Gondomar acolleu tamén en xullo a súa primeira proposta, co novo circo de Xampatito Pato e prevé para finais deste mes máis novo circo, con Pistacatro Productora de Soños, e para setembro, danza con Nova Galega de Danza.
Pola súa banda, Salceda de Caselas, ofreceu en xullo o novo circo de asSircópatas e a finais de agosto será a quenda doutro espectáculo circense con SU.MA. Xa en setembro, neste concello haberá música, con Xoan Curiel, e danza, con Nelson Quinteiro Producións.
O Porriño e Soutomaior concentran as súas sesións en setembro. No primeiro destes concellos haberá principalmente teatro, con Tanxarina, Eme2 emocion&arte, Inventi Teatro e Aporía Escénica. A danza de Laboratorio Escénico e o novo circo de SU.MA completan o cartel. En Soutomaior o público gozará de música, con Antonio Barros e iAlma, de teatro, con De Ste Xeito Producións, e de danza, con Vella Escola.
Na comarca do Morrazo, Moaña ofrece programación de Cultura no Camiño con tres propostas de novo circo, da man de asSircópatas, Circo Chosco e Troula Animación, e unha de maxia co Mago Antón. Todas elas serán na segunda quincena de setembro.
Canto ao Baixo Miño, as oito actuacións previstas distribúense entre A Guarda e O Rosal. O concello guardés ofreceu xa as súas tres sesións, co teatro de Ghazafelhos, a música de A Banda do Verán e o novo circo de Pistacatro Productora de Soños. O Rosal ofreceu tamén xa case todas as súas funcións en xullo e na primeira metade de agosto, coa música dos Carunchos e o teatro de Ghazafelhos, Mircromina e Peter Punk Pallaso. En setembro haberá un novo espectáculo teatral da man de Sarabela Teatro.
20 funcións na comarca do Condado
A comarca do Condado é a que acolle o maior número de funcións, con 20 distribuídas nas Neves, Mondariz, Mondariz-Balneario, Ponteareas e Salvaterra de Miño. Deste total, a meirande parte sitúanse en Mondariz-Balneario, que xa ofreceu case a totalidade das sete propostas do seu cartel entre xullo e comezos de agosto. Nese período houbo novo circo con asSircópatas, Circo Chosco e Pedro Brandariz, teatro con Avelino González e Rilo & Penadique, e maxia co Mago Teto. A programación complétase en setembro co Desconcerto de Félix Rodríguez e Fran Rei.
As Neves acolleu tamén xa unha das catro sesións programadas a comezos deste mes, con Magia en la Manga. A finais de agosto haberá teatro con Eme2 emoción&arte e en setembro, danza con Vella Escola, e outro espectáculo teatral con De Ste Xeito Producións. Mondariz sumouse a Cultura no Camiño con tres funcións, das que dúas van ter lugar este mes, co novo circo de Pajarito e o teatro de Pérez & Fernández, e a terceira, o vindeiro, coa tamén proposta teatral de Malasombra Producións.
Pola súa banda, Salvaterra de Miño concentra a súa programación en agosto, con concertos de Pakolas e da Banda Crevinsky, ademais do teatro de Fulano, Mengano e Citano. Finalmente, Ponteareas ofrece en setembro a maxia do Mago Teto e a música do Sonoro Maxín e das Tanxugueiras.
Na Paradanta, O Covelo acolleu todas as actuacións previstas en xullo, cos concertos da Banda da Balbina, Pauliña e Xoan Curiel, e co teatro de Animar-T Teatro. A Cañiza tamén ofreceu xa todas as súas sesións na primeira quincena de agosto, con Serxio Pazos, o novo circo de Desastronauts e a música de de Os d´Abaixo. As funcións de Crecente comezaron a principios de agosto co Mago Brandán e pecharanse neste mes coa Gran gala de circo, maxia e humor e co espectáculo de rúa Seres fantásticos. En Arbo houbo dúas das tres propostas programadas neta primeira quincena de agosto, con Circotour e a maxia de Juan Collazo. En setembro será a quenda da música con Setestrelo.
Descentralización da oferta cultural
Cultura no Camiño é unha iniciativa da Consellería de Cultura, Educación e Universidade e Turismo de Galicia, co apoio de Gadis, que ten como obxectivo contribuír á descentralización da oferta cultural e ampliar as posibilidades de distribución do teatro, a música, a danza, a maxia e o novo circo na Comunidade galega. Para o desenvolvemento desta edición, a Xunta adxudicou un millón de euros en subvencións ás entidades locais que se sumaron ao circuíto, co que se cofinancia a contratación de máis de 240 formacións artísticas galegas no marco do Plan de reactivación cultural posto en marcha polo Goberno galego. Realizaranse arredor de 680 actuacións desde xullo a setembro.

