O presidente do TSXG lerá o Bando do Día da Constitución

O alcalde anunciou que José María Gómez y Díaz-Castroverde será o responsable da lectura do Bando deste ano, no acto que se celebrará o vindeiro luns, 6 de decembro, no MARCO

Abel Caballero adiantou na rolda de prensa deste mércores que o presidente do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, José María Gómez y Díaz-Castroverde, dará lectura este ano ao Bando do Día da Constitución. “Traeremos á máxima autoridade xudicial de Galicia a Vigo” para conmemorar esta data na cidade.

Como cada ano, o Concello de Vigo celebra un acto institucional polo Día da Constitución Española, que terá lugar o vindeiro luns, 6 de decembro, ás 12 horas da mañá no Museo de Arte Contemporánea, na rúa do Príncipe.