O PPdeG lanza unha versión de ‘Xuntos’ como «himno da Galicia que funciona»

Os populares lanzan unha recomposición do tema con sons actuais e forte esencia galega para chegar a toda a xente

O presidente Rueda, a través das súas redes sociais: “Somos un partido con moita historia pero tamén con moito futuro. Por iso recuperamos un clásico e démoslle unha volta para adaptalo” 

O PPdeG acaba de lanzar unha versión de Xuntos como himno da Galicia que funciona, unha recomposición da clásica canción como elemento clave da campaña para as eleccións autonómicas do 18 febreiro.

Así o anunciou esta tarde o presidente Alfonso Rueda nun vídeo a través dos seus perfís en redes sociais: “Somos un partido con moita historia pero tamén con moito futuro. Por iso recuperamos un clásico e démoslle unha volta para adaptalo. Dentro vídeo”, afirmou xusto antes de que comezase o vídeo coa letra da nova canción.

Tal e como destacou o presidente Rueda, Xuntos, de Juan Pardo, pertence á historia de Galicia. Por iso, para non esquecer nunca de onde vimos, todo o que levamos feito e, sobre todo, o moito que queda por facer, esta recomposición ten como obxectivo volver unir a toda Galicia.

Unila sen etiquetas, sen ideoloxías, sen que importe quen está detrás dela, e que as novas xeracións de galegos se xunten a todos aqueles que xa a cantaron e bailaron hai varias décadas. Pois, como di a súa letra: “Xuntos, e que sintan todos que se van xuntiños, temos máis camiños pra facelos ben”.

SONS ACTUAIS E FORTE ESENCIA GALEGA

A recomposición da canción destaca pola súa aposta por actualizarse sen perder a esencia galega que sempre a caracterizou. Así, nesta nova versión conviven sons actuais de sintetizadores con guitarras eléctricas e elementos imprescindibles do folclore tradicional galego, como as pandeiretas ou o aturuxo. Ademais, no que se refire ao ritmo, muda o orixinal en clave pop para reconvertela nunha “muiñeira rock”.