O PP reclama “información e transparencia” ao Goberno de España sobre o futuro dos case 300 migrantes acollidos en Mondariz-Balneario

Os deputados pontevedreses no Congreso rexistran unha batería de preguntas para coñecer os criterios e previsións do Goberno central respecto a estas persoas, que supoñen o 40% da poboación censada

A deputada Irene Garrido recorda que Galicia é das comunidades á que máis inmigrantes trasladou o Estado, “sen apenas previsión, información ou coordinación co Goberno galego e sen ter en conta os recursos”

O Partido Popular vén de rexistrar unha batería de preguntas no Congreso dos Deputados para que o Goberno de España ofreza “información detallada e transparencia” sobre o futuro dos aproximadamente 280 migrantes trasladados durante os últimos meses pola Administración Central a Mondariz-Balneario, o concello con menor superficie de Galicia e un dos máis pequenos de España.

Así, os populares solicitan información sobre os criterios que se utilizaron para decidir o traslado dos migrantes a esta localidade, onde a cifra de persoas acollidas -aloxados nas instalacións do complexo CEMAR e asistidos pola ONG Rescate Internacional– representa o 40% da poboación censada no municipio.

As preguntas inquiren tamén sobre as repercusións nos servizos públicos dun incremento de poboación como o experimentado polo concello mondaricense, o tempo máximo que permanecerán nas instalacións que os acollen e os programas de integración específicos aos que teñen acceso.

Por último, o Goberno deberá responder sobre o modelo de coordinación entre as administracións central, autonómica e local para garantir a xestión adecuada destas persoas e a existencia dun proceso de avaliación de resultados para coñecer o funcionamento de centros como o situado nesta localidade.

A deputada popular Irene Garrido deu conta desta iniciativa nunha visita realizado hoxe a Mondariz-Balneario na que estivo acompañada da senadora e alcaldesa de Mos, Nidia Arévalo, e da voceira municipal do PP, Marisa Domínguez.

Garrido recordou que Galicia é unha das comunidades autónomas á que máis inmigrantes trasladou o Estado desde as Illas Canarias a raíz da crise migratoria dos últimos meses, un proceso que, aseverou, se fixo nun primeiro momento “sen apenas previsión, información ou coordinación co Goberno galego e sen garantir os recursos para un acollemento acorde ao que merecen estas persoas”. Ademais, lamentou “a total falta de transparencia do Executivo central e a improvisación absoluta en materia migratoria da que fixo gala desde o inicio ata agora”.

“Vémolo agora tamén coa nova distribución de migrantes, cando o Goberno de Sánchez fala deles como se fosen paquetería, asignando cantidades sen falar coas Comunidades Autónomas e só para contentar aos nacionalistas cataláns”, indicou, antes de engadir que “este é un asunto serio e Galicia está demostrando moita solidariedade, pero esiximos máis información e menos imposicións”

Máis recursos para Mondariz-Balneario

Pola súa banda, a voceira local, Marisa Domínguez, agradeceu ás representantes populares no Congreso e no Senado “que nos axuden a aportar luz sobre esta situación” ante a falta de previsión e de transparencia do executivo socialista, pero tamén “á nula información veraz” por parte do goberno local do BNG.

Domínguez quixo destacar a extraordinaria resposta da veciñanza desde a chegada dos primeiros migrantes en agosto de 2024: “Demostramos que, tal vez, sexamos o concello máis pequeno de Galicia, pero os nosos veciños teñen un corazón moi grande”. Tamén subliñou a ausencia de problemas de convivencia coas persoas trasladadas, que “viñeron a España buscando unha vida mellor”

Con todo, destacou que “estes sete meses deixaron patentes varias cousas: primeiro, que Mondariz-Balneario é un pobo solidario e acolledor, como Galicia, pero non é a ubicación ideal para un número tan importante de persoas migrantes por tamaño, pero tamén pola falta de ofertas de emprego, espazos públicos ou actividades de integración”. “Para darmos o acollemento que merecen estas persoas necesitamos máis recursos e información, algo que non obtemos nin do Executivo central nin do alcalde César Gil, que tampouco atende as dúbidas de moitos veciños”, engadiu.