O PP leva ao pleno da Deputación unha moción de rexeitamento da suba de peaxes nas autoestradas da provincia e a esixencia ao Goberno central da transferencia da AP-9

O portavoz do grupo popular, Jorge Cubela, indica que a nosa comunidade conta coas peaxes das máis caras de España: a AP-9 e a AP-53, que por riba este ano aínda se encarecen máis que nunca cunha alza de case un 7% no caso da AP-9 e de máis dun 5% na AP-53

O grupo provincial do PP de Pontevedra vén de presentar unha moción, que se levará ao vindeiro pleno da Deputación, onde solicita o rexeitamento da corporación provincial contra a suba de peaxes do Goberno central, e esixe ao Goberno central que avance na transferencia a Galicia da titularidade da autoestrada AP-9 con todos os recursos necesarios para acometer as obras pendentes e para a súa axeitada xestión.

O portavoz do grupo popular, Jorge Cubela, indicou que a nosa comunidade conta coas peaxes das máis caras de España: a AP-9 e a AP-53, que por riba este ano aínda se encarecen máis que nunca cunha alza de case un 7% no caso da AP-9 e de máis dun 5% na AP-53.

Jorge Cubela reiterou tamén que o Goberno de España ten que liberar a peaxe da AP-53 -que une Santiago e Dozón- para igualala coa autoestrada autonómica que chega a Ourense.

Cubela indicou que “non se pode entender que o Goberno central, nun contexto económico tan complicado, volve incrementar un ano máis aínda as peaxes nas dúas autoestradas de titularidade estatal en Galicia. Seguimos vendo como continua o agravio dos galegos con relación ás autoestradas estatais na comunidade, que continuarán estando entre as máis caras do país, lastrando a situación económica das familias e a competitividade de Galicia”.
“Esta suba das peaxes redunda no agravio comparativo do que vimos sendo obxecto os galegos con respecto ao resto das autoestradas de competencia da administración central, posto que a tendencia é eliminar ou rebaixar as peaxes, todo o contrario do que se está a aplicar en Galicia”, lamentou o voceiro popular.

Pola contra, fronte a esta política de acción do Goberno central, a Xunta conxelou por segundo ano consecutivo as peaxes das dúas autoestradas autonómicas, A Coruña-Carballo e Vigo-Baiona, que seguirán a ser así as máis baratas de España. “Dende a Deputación temos que traballar na defensa dos intereses dos galegos e das galegas, dando a batalla para lograr unha AP-9 galega, asumindo a súa titularidade, dunha vez por todas. Tamén coa reivindicación ante o Goberno para a liberación da peaxe da AP-53, de forma que se iguale o percorrido Santiago-Lalín co treito Lalín-Ourense que a Xunta mantén gratuíto”, finalizou Jorge Cubela.