O PP de Tui esixe ao alcalde solucións ao “grave problema” do  aparcamento pola falta de prazas e presentará unha moción para propor  unha comisión de traballo dos catro grupos municipais 

O voceiro municipal, Nico Montes, cre que o goberno está “completamente  desbordado, sen solucións e que carece dun proxecto de futuro” ante unha das  principais necesidades da cidade e acusa a Cabaleiro de “falta de xestión”, xa  que lembra que leva máis de sete anos gobernando e esta era unha das súas  prioridades

O grupo municipal do PP de Tui vén de presentar unha moción para esixir de maneira  firme ao equipo de goberno, unha comisión de traballo formada por todos os grupos que conforman a corporación municipal, que adopte “solucións de maneira sensata e efectiva”  fronte ao “grave problema” de aparcamento na cidade. Esta situación ven motivada pola  falta de prazas, polo fracaso do proxecto do aparcadoiro subterráneo que os socialistas  non foron capaces de levar a cabo, e pola constante e recorrente aparición de grandes  fochancas na zona habilitada como aparcamento na traseira da Área Panorámica e que  comprometen a seguridade e integridade de viandantes e vehículos. 

O voceiro municipal, Nico Montes, cre que esta situación, que sen dúbida é un dos maiores  problemas de Tui dende hai moitos anos, “chegou a un punto intolerable e inadmisible  para todos os que a sufrimos decotío”. Considera queo goberno socialista está  “completamente desbordado, sen solucións e que carece dun plan para o futuro”.

Ao respecto, acusou directamente a Enrique Cabaleiro de “falta de xestión”, xa que lembra que leva mais de 7 anos exercendo como alcalde e “Tui atópase en peor situación que  cando iniciou o seu mandato. As humanizacións realizadas eliminaron moitas das prazas  de aparcamento e non se ofreceu ningunha alternativa nin se executou nin unha soa  solución”. E así, vemos como as prazas de aparcamento se están reducindo ano tras ano  en todo o centro da cidade. 

“Ademais do secretismo na rescisión coa adxudicataria do aparcadoiro, que é algo que  nos preocupa bastante, os socialistas teñen que deixar de malgastar os recursos  económicos. Os custos de persoal, maquinaria e material facendo parches, na traseira da  Área Panorámica, son elevados e recorrentes. Non son unha solución definitiva a un  problema que nun par de semanas de choivas volve a aparecer. Xa é hora de que Tui conte  cun plan de futuro, unha alternativa definitiva para o problema do aparcamento”, sinalou  o voceiro, que destacou que, coa situación actual, estanse a causar graves perxuízos ao  comercio, ao turismo e á propia imaxe da cidade. 

Por todo elo, o PP tudense destaca que, malia as merecidas críticas ao alcalde e ao goberno  socialista por este asunto, quere apostar polo diálogo e a busca dunha solución  consensuada, polo que propón a creación dunha Comisión de Traballo dos catro grupos  municipais para adoptar “un plan de acción inmediato e acordar unha alternativa  definitiva”. No seo de dar un primeiro paso para desbloquear esta situación, volverán a  insistir no seu proxecto para construír un aparcadoiro en altura público con 250 prazas nas  inmediacións da Praza de Abastos “por ser a solución máis viable, económica, sostible e  áxil na súa execución”.