O PP de Pazos defende a “boa saúde económica” do Concello con 1,04 millóns de remanente e califica de “varapau” a negativa do pleno a modificar créditos por 577.000 euros para os seus gastos desmesurados

A voceira, Eloísa Nogueira, acusa ao alcalde de “mentir” sobre o estado das contas e lamenta que tenten dilapidalos con 360 facturas por 190.000 euros “pero se toparon co rexeitamento da maioría”

Critica que o goberno queira suprimir as subvencións a colectivos, asociacións e comisións de festas con “excusas” mentres inviste case 20.000 euros na remodelación do despacho do rexedor

“Só saben tirar os cartos cunha nula capacidade de xestión e agora queren comprar unha minipala cando acabamos de recibir un tractor da Xunta”, explicou a concelleira popular

O grupo municipal do PP de Pazos de Borbén defendeu hoxe, no pleno extraordinario convocado para abordar cuestións económicas, a “boa saúde” da tesourería e das contas municipais e calificou de “varapau” para o goberno local de Luciano Otero a negativa da maioría da corporación, liderada polos populares como forza máis votada, para modificar créditos por 577.000 euros para pagar os seus gastos desmesurados e superfluos.

“Creo que o goberno ten que facer unha reflexión, porque os representantes políticos e os veciños de Pazos estamos en contra das súas decisións e das súas políticas, tal e como se reflectíu hoxe no pleno e, se tiveran sentidiño, botaríanse a un lado e deixarían gobernar á lista máis votada e a que mellor representa aos veciños, porque están na soidade máis absoluta”, sinalou a voceira municipal dos populares, Eloísa Nogueira.

En primeiro lugar, a concelleira poular lamentou que o alcalde “non diga a verdade a sabendas” sobre o estado económico do Concello, “xa que se estivéramos arruinados sería imposible traer dúas modificacións de crédito por case 600.000 euros, que afortunadamente foron rexeitadas polo pleno e non se van executar, no marco dun orzamento municipal de 1,4 millóns de euros e ademais, como todo o mundo sabe, deixamos un remanente de 1.045.000 euros que agora queren comezar a dilapidar en gastos superfluos e innecesarios”.

“Faltan ao respecto e á verdade e, ademais, pediron unha inasumible carta branca con estas modificacións de crédito para pagar os seus gastos esaxerados e estratosféricos dos que non imos ser partícipes”, manifestou Nogueira para explicar o voto contrario dos populares a estas dúas modificacións de crédito, que tamén foron rexeitadas polo PSOE e o BNG.

Neste senso, revelou que, ademais destes dous cambios, o pleno tamén abordou un recoñecemento extraxudicial de crédito para pagar 400 facturas por importe de 216.000 euros, que tamén foi rexeitada: “Nesta tramitación ían 38 facturas por 25.000 euros do noso goberno e 360 por 190.000 euros do actual, formalizadas a partires do 17 de xuño cando tomaron posesión, polo que, como o que é medible non é opinable, queda ben clara cal é a boa saúde económica que deixamos e tamén que son Luciano Otero e o seu goberno os que están tirando os cartos”.

Así mesmo, Eloísa Nogueira acusou ao goberno de “montar todo este circo” para suprimir as subvencións a colectivos, asociacións e comisións de festas amparándose en “excusas”, pero ocultando que están investindo case 20.000 euros na remodelación do despacho do propio alcalde. Finalmente, a voceira municipal lamentou a situación na que o novo goberno está sumindo ao Concello de Pazos de Borbén, “xa que só saben tirar os cartos en cousas completamente innecesarias, mentindo sobre a xestión do PP para xustificarse e amosando unha nula capacidade de xestión e de conseguir recursos doutras administracións”. Nesta liña, apuntou, como derradeira ocorrencia do executivo, a súa intención de comprar unha minipala cando o Concello acaba de recibir un tractor novo da Xunta de Galicia.