O PP de Pazos advirte aos demais grupos da oposición da necesidade de cambiar ao alcalde cunha moción de censura se se confirman as irregularidades nos contratos menores

A voceira, Eloísa Nogueira, sostén que terán que determinarse as consecuencias, éticas ou legais, dos servizos contratados a dedo co asesor do rexedor, pero sinala que, en calquera caso, “o alcalde demostra que lle importan máis os negocios que os veciños de Pazos”

Acusa ao PSOE local de ser “cómplice” de que Luciano Otero estea na Alcaldía “por votar a súa investidura malia non ser a lista máis votada” e convídao a que “sexa coherente coas súas acusacións sobre o rexedor e recifique propiciando un necesario cambio de goberno”

O grupo municipal do PP de Pazos de Borbén advertíulles hoxe ás demais forzas políticas da oposición, e principalmente ao Partido Socialista, da necesidade de cambiar ao alcalde, Luciano Otero, a través dunha moción se censura se se confirman as presuntas irregularidades nos contratos menores a prol do seu asesor.

- Publicidad -
Centaurus Box Vigo Cross Training

A voceira municipal, Eloísa Nogueira, quixo ser prudente sobre as acusacións, lanzadas publicamente polo PSOE local, en torno aos contratos a dedo adxudicados polo alcalde a empresas vencelladas ao seu asesor, xa que terán que determinarse as consecuencias, sexan éticas ou legais, destes servizos, pero cre que esta situación “é unha mostra máis de que ao rexedor impórtanlle máis os negocios ou ter recompensados aos do seu séquito antes que atender aos veciños de Pazos”.

“Non serve que os demais grupos da oposición digan que se cambia de actitude aquí non pasou nada, porque a realidade non é así e os feitos consumados, de confirmarse, teñen unhas consecuencias. En todo caso, haberá que avaliar se legalmente se poden dar eses contratos, aínda que, máis alá do que poida dicir a xustiza, os feitos son moi reprobables”, sinalou a concelleira popular.

Eloísa Nogueira referíuse directamente ao PSOE local, ao que lembrou que é “cómplice” de que Luciano Otero estea na Alcaldía, “xa que o seu voto foi decisivo para a súa investidura malia non ser a lista máis votada” e convidou aos socialistas de Pazos a “ser coherentes coas súas acusacións sobre o rexedor e rectificar a súa decisión do mes de xuño propiciando un necesario cambio de goberno”.

“Os socialistas queren soprar e sorber á vez, xa que aúpan ao alcalde sen merecelo, queren facerlle oposición, fanlle acusacións moi graves e non teñen nin a valentía nin o rigor necesario para impulsar unha moción de censura que cada vez se fai máis necesaria porque o noso Concello non ten rumbo e está inmersa nunha deriva moi perigosa”, concluíu a voceira popular.