O Pont-Up Store busca mellorar a competitividade dos proxectos empresariais nacidos na pandemia

Máis de 30 actividades integran o programa deste encontro do emprendemento 

Promovido pola UVigo, terá lugar o 23 e 24 de setembro en Pontevedra

Máis de 30 actividades integran o programa da novena edición do Pont-Up Store, o encontro do emprendemento que a Universidade de Vigo, a través do Campus Crea, promove cada ano en Pontevedra, co apoio da Concellería de Promoción Económica como patrocinador principal, así como da Deputación Provincial e de máis de 50 entidades públicas e privadas. Seleccionados de entre 150 candidaturas, 40 novos proxectos empresariais darán a coñecer os seus produtos e servizos no recinto que se instalará os días 23 e 24 de setembro na praza de España, onde se desenvolverán boa parte da trintena de actividades complementarias que conforman o programa deste evento, presentado este luns no Concello. Como explicou o director do Pont-Up Store, o profesor da Facultade de Ciencias Sociais e da Comunicación Pedro Figueroa, “a internacionalización e a sostibilidade” constitúen os eixos centrais desta programación, á que se suman unha serie de iniciativas dirixidas a axudar aos emprendedores e emprendedoras a “desenvolver competencias que lles permitan madurar” os seus proxectos. 

Aberto á participación de empresas contistuídas nos últimos tres anos e medio, as candidaturas presentadas ás diferentes modalidades de participación do Pont-Up Store permitiron constatar a existencia dunha serie de proxectos aos “que lles faltaba un punto de madurez, derivado destes dous anos de covid-19 e restricións”, explicou Figueroa. Isto motivou que desde a organización do evento, liderada polo grupo de investigación G4 Plus, se optase por recuperar unhas “xornadas previas”, que se desenvolverán entre o martes 20 e o xoves 22 e que agrupan “unha serie de actividades formativas”, promovidas coa colaboración da Cámara de Comercio e a Deputación, sobre cuestións “como a viabilidade económica, o márketing, as axudas e subvencións ou as fórmulas de cooperativismo”. 

Maioría de emprendedoras

Figueroa presentou esta programación xunto á vicerreitora do campus, Eva Lantarón, a concelleira de Promoción Económica, Yoya Blanco e o deputado provincial Carlos López Font, que fixeron énfase na importancia que ten para este evento a colaboración de entidades públicas e privadas, “marcándose como obxectivo converter Pontevedra na capital galega das mellores iniciativas empresariais”, como destacou a vicerreitora. “É de suma importancia apoiar os emprendedores de toda Galicia, promover o fomento da creatividade, da innovación, da economía social e da igualdade e incrementar as posibilidades competitivas e de internacionalización destas empresas”, salientou Lantarón, mentres que López Font puxo o acento en como o Pont-Up Store foi “adaptándose á evolución destes tempos e respondendo ás necesidades” dos emprendedores e emprendedoras. 

Blanco, pola súa banda, subliñou a “importante aposta” desta edición pola sustentabilidade, presente nos produtos ou na “filosofía” empresarial de preto do 90% das candidaturas, así como na alta porcentaxe de proxectos liderados por mulleres, preto do 80% dos presentados. A isto súmase que 50 das 70 relatoras e relatores participantes nas diferentes actividades son mulleres, como engadiu Figueroa, que destacou tamén a maior presenza de iniciativas ligadas á economía social nun “evento multisectorial”, no que poderán coñecerse empresas centradas na alimentación, as tecnoloxías, a mobilidade ou a sostibilidade. 35 delas contarán cun posto no recinto da praza de España, onde catro desenvolverán ademais “actividades demostrativas”, mentres que sete proxectos foron seleccionados para o Pont-Up Express, no os seus impulsores e impulsoras presentan os seus modelos de negocio a representantes de “importantes entidades e empresas galegas”. 

Internacionalización e sustentabilidade

Alén do bloque de actividades centrada no “desenvolvemento de competencias”, un dos eixos do programa será a internacionalización, con actividades como unha presentación do proxecto HEI4 Future, un consorcio europeo liderado pola Universidade de Vigo e centrado en potenciar o emprendemento e as capacidades innovadoras das institucións de educación superior. Así mesmo, grazas á colaboración do programa Ticket2Europe e a Cámara de Comercio de Santiago, desenvolveranse dúas actividades con emprendedores e emprendedoras de diferentes países, que permitirán, entre outros, coñecer a experiencia dun emprendedor ucraíno que busca continuar en España co seu labor como produtor musical e “mover polos circuítos nacionais e europeos aos músicos que, coma el, están fóra de Ucraína durante este período bélico”, como apuntan desde a organización. 

No referido á sustentabilidade, o Pont-Up Store engloba iniciativas como o coloquio sobre “economía circular e alimentos de proximidade” da Fundación Galicia Verde, ou a medición da “pegada ecolóxica do encontro” que a empresa AirCO2 realizará coa colaboración da Concellería de Desenvolvemento Sostible. No referido á economía social, a programación inclúe iniciativas como unha mesa redonda sobre “muller e cooperativismo” na que Ana Olveira presentará algunhas das conclusións da tese de doutoramento que defendeu na Universidade de Santiago. No referido á “innovación social”, Figueroa destacou un coloquio sobre a asociación solidaria Publicitarios Implicados, que presta servizos de comunicación publicitaria a entidades sociais e colectivos, e o evento WordPress en Acción, enmarcado na WordCamp Pontevedra e no que se traballará no deseño das webs de dúas organizacións sen ánimo de lucro.

Un escape room para coñecer patrimonio da cidade

Outra das “cooperacións importantes” desta edición foi a levada a cabo coa empresa Skeirrum para o desenvolvemento do “primeiro escape room cultural ao aire libre de Galicia”, unha experiencia con inscrición gratuíta e centrada no patrimonio cultural e histórico de Pontevedra. “Trátase dun percorrido interactivo polos puntos máis emblemáticos da cidade, onde estarán escondidos uns códigos QR” que levarán as persoas participantes a uns “enigmas e probas” ligados ao patrimonio da cidade que deberán ir resolvendo, apuntan desde a organización.

Así mesmo, entre as 30 actividades gratuítas, que poderán seguirse tamén por streaming, figuran tamén un coloquio con “emprendedores retornados” a Galicia ou obradoiros tecnolóxicos para nenos e nenas, promovidos pola empresa R.