O Pleno da vía libre á recuperación urbanística do Barrio do Cura

A modificación puntual do Plan Xeral saíu adiante esta mañá cos votos favorables de PSOE e PP, co voto en contra de Marea e a abstención do concelleiro non adscrito, que abandonou a sesión polo «incumprimento» do reglamento

O pleno do Concello de VIGO aprobou este xoves, nunha sesión extraordinaria, a modificación puntual do Plan Xeral de 1993 para reordenar e urbanizar o ámbito do Barrio do Cura, cos votos favorables de PSOE e PP, o voto en contra de Marea de VIGO, e a abstención do concelleiro non adscrito.

A edil de Urbanismo, María José Caride, defendeu que esta modificación permitirá a «transformación integral» dese ámbito, que é «imprescindible» debido á «degradación» e á situación de » insalubridade» da zona, en pleno centro da cidade, á beira do Casco Vello. Ademais, engadiu, esa urbanización complétase con actuacións públicas na contorna, como a peonalización de Porta do Sol, a próxima recuperación da Panificadora ou as melloras de mobilidade a través do programa Vigo Vertical.

Caride tamén subliñou que o proxecto de urbanización respecta o patrimonio histórico, contempla a creación de 300 prazas de aparcamento, zonas verdes, unha gran praza e prevé un 30 por cento de vivenda protexida. «Esta vez vai en serio, e vai rápido», proclamou.

 «Respeito democrático»

O voceiro municipal do PP, Alfonso Marnotes, recoñeceu que a recuperación do Barrio do Cura é un «vello anhelo da cidade», que permite poñer fin á degradación á beira do Casco Vello. Pola súa banda, o voceiro do grupo municipal Marea de Vigo, Rubén Pérez, expresou a súa oposición á forma en que se vai a urbanizar este ámbito, no seu maior parte propiedade dun fondo privado.

Pola súa banda, o concelleiro do BNG, Xabier Pérez Igrexas, tamén cuestionou a urxencia da modificación do PXOM de 1993, antes de abandonar a sesión polo que logo cualificaría de «falta de respeito democrático».

“Mentres Caballero tentou amordazar o BNG reducindo a 4 minutos o tempo que puiden intervir para explicar a nosa posición, decidiu dopar ilegalmente o PSOE duplicando a súa intervención até un total de 25 minutos”, denunciou Igrexas sobre un debate no que os tempos de intervención foron de 4 minutos para o BNG, 10 minutos o PP e Marea de Vigo, respectivamente, e un total de 25 minutos para o PSOE.

Igrexas formulou dúas cuestións de orde reclamando o cumprimento do regulamento orgánico do Pleno, que no seu artigo 55.2 estabelece de maneira “clara e incontestábel” que nos debates o grupo de Goberno só dispón de un único turno de intervención, como os restantes grupos políticos, e un final de réplica.