Os proxectos a financiar nestes concellos saíron adiante co voto favorable dos deputados de todos os grupos, agás seis do Grupo Socialista que optaron pola abstención
A sesión serviu para aprobar por unanimidade o financiamento, con fondos europeos, e os convenios cos concellos de Baiona, Nigrán e Gondomar para executar o PAI do Val Miñor, así como un proxecto de cooperación transfronteiriza para protexer as castiñeiras
Aprobouse as moción presentada polo Grupo do PP para reclamar ao Goberno central medidas para evitar o impacto da suba dos custos enerxéticos no sector primario
O pleno da Deputación de Pontevedra vén de aprobar este venres as bases e a concesión de subvencións da segunda convocatoria do Plan Provincia Extraordinaria – Plan Extra a través do cal repartirá preto de 37M€ entre 57 concellos de menos de 50.000 habitantes da provincia para a execución de proxectos estratéxicos. Dous acordos que, xunto coa segunda modificación de crédito do ano, valorada en 4,6M€ para dotar ao Plan Extra de 1,7M€ adicionais para financiar as subvencións dos 57 concellos beneficiarios, saíron adiante por unanimidade, agás o punto relacionado coa aprobación das subvencións, no que seis deputados do PSOE optaron pola abstención mentres outros tres votaron a favor.
Unha sesión plenaria ordinaria correspondente ao mes de marzo que serviu tamén para aprobar co voto favorable do Grupo popular a primeira modificación de crédito do Consorcio Provincial para o Servizo contra Incendios e Salvamento por valor de case 500.000€ que se destinarán á mellora e ampliación do equipamento dos profesionais, o proxecto de cooperación transfronteiriza que lidera a Deputación para a protección de castiñeiros ante desafíos climáticos e biolóxicos que vén de conseguir fondos europeos e a prórroga de execución dos proxectos aprobados ao abeiro do PON2030.
Ademais, a corporación aceptou por unanimidade a senda FEDER para financiar o proxecto do “Plan de Actuación Integrado (PAI) Val MIñor, a cidade dos 15 minutos” valorado en 7,2M€, dos que o 60 & finánciase con fondos FEDER e o 40 % restante, 2,9M€ corre a cargo da Deputación. Con todo, nesta sesión tamén foron aprobados os convenios cos concellos de Baiona, Nigrán e Gondomar para a execución dos proxectos correspondentes a estes municipios e a través dos que os gobernos locais se comprometen a achegar a metade do orzamento, o que deixa o investimento total da Deputación no PAI do Val Miñor en 1,45M€.
No apartado de mocións saíu adiante cos votos favorables dos deputados do Grupo Popular a moción para reclamar ao Goberno central que adopte de inmediato medidas para evitar o impacto da suba dos custos enerxéticos no sector primario. Un acordo a través do cal a Deputación acorda instar ao Goberno de España que adopte de inmediato medidas extraordinarias para evitar o impacto do incremento de custes enerxéticos, derivado do conflito en Oriente Medio, que está a producirse nas actividades do sector primario galego: agricultura, gandería e pesca; solicitar axudas directas extraordinarias para agricultores, gandeiros e pescadores destinados a compensar o incremento do gasóleo agrario e pesqueiro, bonificacións ou reducións fiscais e liñas de financiamento preferente e avais públicos para explotacións agrarias, gandeiras e pesqueiras afectadas polo aumento de custos; e instar á Xunta de Galicia a complementar, no ámbito das súas competencias, estas medidas mediante apoios específicos destinados a garantir a viabilidade das explotacións agrarias, gandeiras e pesqueiras do sector primario galego. Tamén foi aproabada a proposta do Grupo Socialista relacionada co rexeitamento á guerra en Irán. Pola contra, foron rexeitadas outra moción do Grupo Socialista sobre os Plans de Sustentabilidade Turística en Destino das comarcas do Condado e a Paradanta e do Deza – Tabeirós – Terra de Montes, así como a do BNG relacionada cos parques eólicos da Serra da Groba.
A aprobación das bases do Plan Extra e da concesión das subvencións foi o acordo principal do pleno. Unha segunda convocatoria que repartirá 36,9M€ entre 57 concellos de menos de 50.000 habitantes da provincia despois da aprobación dunha modificación de crédito que inxecta 1,95M€ no orzamento para cubrir a totalidade das subvencións aprobadas. Todas as propostas presentadas á segunda convocatoria deste plan foron aprobadas agás dúas: a dos Concellos de Vilagarcía de Arousa e de Cambados. Este último por presentar un proxecto cun orzamento por debaixo do mínimo permitido e o primeiro por non emendar os extremos requiridos no prazo de 10 días hábiles, pois o proxecto presentado carecía da xustificación da non división en lotes; de incluír a definición do planeamento urbanístico afectado pola actuación; incluír a necesidade ou non de ocupación de terreos; da xustificación do cumprimento da declaración de impacto ambiental ou a súa non necesidade; a xustificación da normativa sectorial en materia de accesibilidade; de incluír a clasificación do contratista; de incluír a fórmula de revisión de prezos no caso de que sexa necesaria; de incluír o prazo de garantía; de incluír todos os planos de situación xerais, de conxunto e de detalle necesarios para que a obra quede completamente definida, así como o seu índice; de incluír os anexos preceptivos; e de incluír os cadros de prezos número 1 e número 2 polo que o proxecto enténdese como incompleto e inexecutable. Outros acordos da sesión son as aprobacións dos proxectos técnicos da primeira convocatoria do Plan Extra dos concellos de A Guarda, A Cañiza, Baiona e Marín, así como o de O Porriño correspondente ao REACPON. Do mesmo xeito, foi aprobado de xeito inicial o proxecto construtivo da variante na EP-0503 ao seu paso por Moraña entre os puntos quilométricos 1+060 e 2+300 por valor de 1,6M€.

