O pleno da Deputación abre o proceso para adxudicar o mantemento das estradas provinciais para os vindeiros cinco anos por un importe máximo de 38,9 millóns

O contrato divídese en tres lotes, correspondentes á zona norte, centro e sur da provincia; e contempla un investimento anual duns 9,7 millóns

A Deputación reclamará ao Ministerio de Transportes que mellore o estado de conservación das once estradas nacionais que transcorren pola provincia

A Deputación de Pontevedra aprobou este martes nunha sesión plenaria extraordinaria o expediente de contratación para o servizo de conservación integral da rede viaria das estradas de titularidade provincial. Un contrato que está dividido en tres lotes (norte, centro e sur) e conta cun orzamento anual de 9,7 millóns de euros para un máximo de catro anos e a posibilidade dunha prórroga, o que supón un importe total de 38,9 millóns de euros. O pleno serviu tamén para aprobar a delegación de competencias en materia de recadación de impostos na Deputación por parte dos concellos de Sanxenxo, O Porriño, Silleda e Valga, así como a modificación puntual dos proxectos aprobados previamente e financiados ao abeiro do plan provincial PON2030 para o acondicionamento da contorna da estación do tren de Pontecesures e a humanización da rúa da Forca, en Salvaterra do Miño. Do mesmo xeito, a corporación deu luz verde á modificación do cadro de persoal da Deputación.

- Publicidad -
Centaurus Box Vigo Cross Training

O pleno tamén deu luz verde á moción presentada polo grupo provincial do Partido Popular para solicitar ao Ministerio de Transportes a elaboración dun proxecto integral, cun orzamento suficiente e un cronograma detallado, para acometer a mellora, reforma e modernización das once estradas de titularidade estatal que transcorren pola provincia de Pontevedra. Mentres que a petición do grupo socialista para reclamar que a Deputación mellore o transporte regular por estrada foi rexeitada. Esta sesión serviu tamén para aprobar o nomeamento da vicepresidenta Luisa Sánchez como representante da Deputación en diversos órganos colexiados, así como a ampliación da relación de cargos con dedicación exclusiva.

O principal punto da orde do día desta sesión plenaria correspondente ao mes de marzo, que se adiou ao mes de abril por mor da Semana Santa, centrouse na aprobación do expediente de contratación do servizo de conservación integral da rede viaria da Deputación. Un acordo que contou co apoio dos deputados dos grupos do PP e o BNG para iniciar o procedemento de adxudicación dun servizo que contempla un orzamento total de 38,9 millóns de euros para os cinco anos de vixencia do mesmo. Un contrato que se divide en tres lotes (norte, centro e sur) cunha dotación de 13,9; 13 e 12 millóns de euros respectivamente. Do mesmo xeito, o acordo contempla a autorización do gasto por importe de 3,2 millóns de euros con cargo ao orzamento actual que se corresponde co curso deste servizo para o que resta de ano. As cantidades correspondentes aos exercicios de 2025, 2026, 2027 e 2028 quedan condicionadas á aprobación dos orzamentos correspondentes, cunha estimación dun desembolso de 9,7 millóns ao ano para manter as estradas provinciais en perfecto estado de conservación.

Mal estado das estradas nacionais

Seguindo co debate sobre o estado da rede viaria, tamén saíu adiante co voto favorable de populares e nacionalistas a moción do grupo popular para instar ao Goberno central a cumprir coa súa obriga de mantemento das once estradas nacionais que transcorren pola provincia. Neste sentido, o acordo contempla a reclamación ao Ministerio de Transportes da elaboración dun proxecto integral, a determinación dun cronograma áxil e a reserva orzamentaria suficiente para levar a cabo a mellora, reforma e modernización das estradas N-550, N-525, N-640, N-554, N541, N-552, N-555, N-556, N-551, N-120 E N-559. A demanda fai especial fincapé na necesidade de actuar no firme e pavimentación destes viarios para corrixir o seu mal estado e favorecer a mobilidade e seguridade viaria dos usuarios.

Os concellos delegan na Deputación

Por unanimidade aprobouse nesta sesión plenaria a delegación de competencias na Deputación do Concello de Sanxenxo e do Porriño para a xestión, recadación voluntaria e executiva e inspección da taxa pola utilización privativa ou aproveitamento especial do dominio público local das instalacións de transporte e distribución de enerxía eléctrica, gas, auga e hidrocarburos ou similares. O mesmo ocorreu co Concello de Silleda e as súas facultades de xestión tributaria e recadación do Imposto sobre Vehículos de Tracción Mecánica (IVTM), que inclúe a facultade de liquidación previa á primeira matriculación. Así como as facultades do Concello de Valga de Inspección da liquidación provisional da taxa por tendidos, tubaxes e galerías para as conducións de enerxía eléctrica, auga, gas ou calquera outro fluído incluídos os postes para liñas, cables, palomillas, caixas de amarre de distribución ou de rexistro, transformadores, raís, básculas, aparellos para a venda automática e outros análogos que se establezan sobre vías públicas ou outros terreos de dominio público municipal ou voen sobre os mesmos. Outro acordo plenario centrouse na aprobación da modificación do cadro de persoal e da relación de postos de traballo da Deputación para a creación dun posto de mestre composteiro, de dúas prazas de técnico medio da administración xeral e dunha praza de administrativo. Do mesmo xeito, acordouse a amortización dunha praza de oficial de imprenta, de técnico da administración xeral e de informático, así como a modificación de nivel na xefatura de Benestar. Tamén en materia de persoal, o pleno deu o visto bo á solicitude dunha empregada pública da Deputación para compatibilizar o seu posto coa docencia na Universidade de Vigo e a concesión dunha nova dedicación exclusiva.