O Pleno aproba inicialmente as normas provisionais para o PERI do Calvario

A Corporación Municipal aprobou na sesión do mes de abril celebrada este mércores o Instrumento de Ordenación Provisional no ámbito do Polígono 32 do PERI IV-04 Calvario cos votos de PSOE e PP e a abstención do grupo mixto e do concelleiro non adscrito

A concelleira de Urbanismo, María Xosé Caride, expuxo no Pleno que as parcelas do ámbito abranguen unha superficie de 11.000 metros cadrados, nas que se poderá construír e así «concretar os proxectos vitais de moitas familias», apuntando que a ordenación provisional permitiu a 450 familias da cidade erguer a súa vivenda e deu legalidade a a edificacións «que levaban anos arrastrando problemas».

- Publicidad -
Centaurus Box Vigo Cross Training

Xabier Pérez Igrexas, edil non adscrito, malia o apoio, criticou que se trata «dun parche» trala anulación do PXOM do ano 2008 e «seis anos despois a única resposta do goberno local son parches e máis parches». Dende Marea de Vigo, Rubén Pérez, expuxo que o problema deste tipo de procedemento é que «precondiciona a redacción do Plan» e criticou o «escurantismo do urbanismo» preguntando «cando remata este goteo de recuperar pezas na cidade e cando imos ter un urbanismo que se recolla nun plan con obxectivos e con prazos». Alfonso Marnotes, voceiro do grupo popular, referiuse á ordenación provisional como «outra consecuencia de non ter PXOM» criticando a paralización da cidade pola falta de PXOM da que responsabilizou ao rexedor.

María Xosé Caride explicou que o Concello continúa traballando con «tódolos instrumentos ao seu dispor» promovendo modificacións puntuais do plan vixente para «permitir a reurbanizacion da cidade, para mellorar calidade de vida dos vigueses malia que non sempre podemos usar a Lei Vigo».