O Piueiro regresa a casa tras a odisea dos seus 11 tripulantes e unha marea solidaria

O volanteiro da Guarda foi recibido esta tarde por familiares, veciños e o alcalde desta localidade no mesmo do que partiron opasado 9 de maio rumbo ao País Vasco. En Cíes, onde fixeron onte noite, recibiron a visita da conselleira de Medio Ambiente

O recibimento que o pobo da Guarda brindou esta tarde ao “ Piueiro” ao seu regreso do Festival de  Pasaia, despois dunha viaxe de máis de 900 millas, non será esquecido facilmente polos 11 tripulantes da embarcación tradicional que viviron estas semanas o que xa cualifican como “unha das mellores experiencias da nosa vida”.  Familiares e veciños, entre os que se atopaba o alcalde da Guarda, Antonio Lomba e outros membros da corporación municipal, saudaron a chegada do volanteiro, que volveu a casa tras case un mes de periplo no que non faltaron os sustos, como a grave avaría no motor que lles obrigou a realizar unha parada técnica de varios días en Malpica.

Precisamente foi esa avaría a que marcou un punto de inflexión na odisea do “ Piueiro” porque, segundo destacou o propio presidente da asociación cultural,  Joaquín  Cadilla, “xerou un movemento social en torno ao barco que non esperabamos, creouse unha comunidade marabillosa, en gran parte grazas aos medios e ás redes sociais”. De feito, a solidariedade de numerosas persoas logrou xa cubrir en parte a custosa reparación do motor que permitiu aos 11 do “ Piueiro” concluír o seu soño de participar no Festival de  Pasaia. 

Atrás quedan xa as experiencias vividas noutros portos nos que fixeron escala e en Pasaia , así como as horas de traballo, as comidas e ceas a bordo, o mal tempo e a falta de soño. Porque a volta  do “ Piueiro” foi máis dura do que esperaban: “Colleunos moi mala mar e, a pesar diso, decidimos navegar tamén de noite durante varios días para cumprir os prazos que nos impoñiamos”.  E unha vez máis, lográrono.

Estes homes e mulleres do mar, curtidos en mil mares e que suman centos de anos de experiencia, aseguran que con esta viaxe achegáronse máis que nunca aos seus antepasados: “Navegar desta  forna, como eles facíano outrora, fíxonos darlle máis importancia a todo o que lograron, o deles si que foi unha auténtica odisea”.

Previamente á súa chegada ao porto da Guarda, o  volanteiro estivo fondeado en Cíes, onde fixeron noite e recibiron a visita da conselleira de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda, Ángeles Vázquez, e do director do Parque Nacional  Illas Atlánticas, José Antonio Fernández, que lles trasladaron o seu parabén pola xesta realizada.

Mantense aberta a conta solidaria ata o 11 de xuño

As persoas que queiran seguir colaborando co “ Piueiro”  para que a asociación consiga completar o custo da reparación do motor poden seguir facéndoo ata o próximo día 11 de xuño a través dunha transferencia ou  bizum ao seguinte número de conta: ES19 2080 5038 4630 4002 3656