Persoal con experiencia na realización da proba de detección do Covid-19, a disposición do Goberno

Ante o chamamento do Goberno, canalizado a través de CRUE-Universidades, para achegar información sobre os laboratorios e investigadores con experiencia na realización da  proba de reacción en cadea da polimerasa (PCR), coa que se detecta o Covid-19, a Universidade de Vigo pon os seus recursos a disposición das autoridades sanitarias para loitar contra o coronavirus.

Foron moitos os grupos de investigación que responderon nun tempo récord a esta demanda do Goberno, xa que a proba de PCR é unha ferramenta moi coñecida e empregada polo PDI da UVigo. Entre os que xa amosaron a súa dispoñibilidade están os grupos de Xenética de Poboacións e Citoxenética; Ecoloxía Animal; Xenética de Poboacións e Citoxenética; Oceanografía Biolóxica do CIM (Centro de Investigacións Mariñas), os grupos de Enfermidades Raras, Filoxenómica, Inmunoloxía e Química Coloidal do Cinbio (Centro de Investigacións Biomédicas); o grupo de Reumatoloxía e Enfermidades Inmunes do IISGS (Instituto de Investigación Sanitaria Galicia Sur) e os grupos de Novos Materiais e de Biomarcadores Moleculares, así como o persoal técnico da Unidade de Xenómica do CACTI. Moitos membros destes grupos, ademais, manifestaron desinteresadamente a súa dispoñibilidade para desprazarse e proporcionar a máxima axuda.

Inventario de material sanitario

Por outra banda, tamén se realizou un inventario do material sanitario que se porá a disposición das autoridades competentes para ser distribuído nos hospitais ou centros onde sexa necesario para conter a expansión do coronavirus. En total, están contabilizadas 1750 mascarillas cirúrxicas, máis 60 de protección, 1000 unidades de Taq e dNTPs para a realización de PCRs, 900 hisopos, preto de 900 pares de luvas e case 500 batas desbotables, así como máis de 260 litros de alcol, entre outros.

DEJA UNA RESPUESTA

Por favor ingrese su comentario!
Por favor ingrese su nombre aquí