Os Plans Complementarios disparan ata os 41,5 m€ a captación de fondos de I+D+i
Por primeira vez na súa historia, a Universidade de Vigo terá en 2023 un orzamento que supera os 200 millóns de euros. Na derradeira sesión do Claustro deste ano, celebrada hoxe luns, a xerenta, Yolanda Lesmes, presentou as liñas xerais orzamentarias que contarán con 227.915.618 €, unha contía que supón un incremento do 14,7% en relación co exercicio de 2022. Este incremento vén derivado da sinatura do novo plan de financiamento do SUG (PFSUG) e do incremento na captación de fondos por mor das novas convocatorias para a investigación e dos fondos do Mecanismo para la Recuperación y la Resiliencia, MRR.
Nesta sesión do Claustro, que tras a pandemia regresou a un formato 100% presencial, o reitor presentou o seu informe anual e aprobouse o informe preceptivo sobre a proposta de creación dos Instituto de Agroecoloxía e Alimentación. Tamén se presentou o informe anual da Valedora Universitaria e o informe de seguimento e avaliación anual do Plan Estratéxico da UVigo, entre outros temas.
Case 228 millóns de euros para 2023
Os orzamentos récord de preto de 28 millóns de euros para 2023 son os primeiros da Universidade de Vigo elaborados pola Xerencia, unha tarefa que correspondía á Vicerreitoría de Economía ata a entrada en vigor dos novos Estatutos. Sobre o incremento de máis do 14% nas contas, a xerenta, Yolanda Lesmes, recalcou que “o novo PFSUG 2022-2026 favorece a dotación da Universidade de Vigo respecto do anterior período e parte deste financiamento débese, entre outros motivos, ao esforzo da UVigo por cumprir cos indicadores que xogan na determinación do citado financiamento, nomeadamente a introdución da contabilidade analítica e o cumprimento dos orzamentos para a declaración por parte da Xunta de Galicia da condición de centros singulares de investigación”. No que atinxe ás achegas de fondos MRR, Lesmes subliñou que “permitirán contar con preto de 30 millóns de euros (28.675.211) para o desenvolvemento de distintas iniciativas e proxectos de grande interese para a Universidade, como a implantación do proxecto de comunicación cuántica, as instalacións da ETEA, a embarcación híbrida do CIM, a dixitalización da área de xestión académica, a formación de profesorado e a súa recualificación, a adquisición dun espectómetro e o desenvolvemento do proxecto 5G, entre outros.
Orzamento de ingresos
No que se refire á distribución de ingresos por capítulos, o III, correspondente ás taxas, prezos públicos e outros ingresos estímase en 17,1 m€, mentres que o capítulo IV, de transferencias correntes é de 144,5 m€. O V, de ingresos patrimoniais estímase en 210.000€€, mentres que o VI, correspondente ao alleamento de investimentos reais calcúlase en 400.000 €. O capítulo VII, de transferencias de capital estímase en 40,4 m€ e, finalmente, o VIII, de variación de activos financeiros en 25,1 m€.
O capítulo IV, de transferencias correntes, segue a ser o máis importante do total dos ingresos (63%) constituíndo a fonte de ingresos máis importante do orzamento da Universidade de Vigo e o seu volume increméntase e máis dun 3% debido principalmente á maior achega para o financiamento do incremento salarial do persoal funcionario e laboral aprobado nos orzamentos do Estado para o exercicio 2023 (2,5 %), así como o incremento salarial do 1,5 aprobado polo Real decreto lei 18/2022, do 18 de outubro e tamén polo incremento de axudas da Administración Xeral do Estado.
No capítulo VII, de transferencias de capital, agárdase un incremento do 46,06 % respecto do exercicio anterior. A maior parte das previsións de ingresos consignados neste capítulo teñen a súa orixe nas achegas por proxectos en concorrencia nos programas da Administración central do Estado e da Xunta de Galicia, por achegas do Fondo de recuperación, transformación e resiliencia para adquisición de equipamento científico e por contratos con institucións e empresas.
Tamén se rexistra un incremento tan destacado das variacións de activos financeiros, capítulo VIII, debido aos fondos do Mecanismo de Recuperación, Transformación e Resiliencia (MRR) que se ingresaron na Tesouraría no exercicio 2022, non incluídos no orzamento inicial, para realizar gastos ao longo do exercicio 2023 e nalgúns casos o exercicio 2024, así como a necesidade de financiar gastos de persoal e subministracións con remanente de Tesouraría, xa que o PFSUG non recolle incrementos relacionados co IPC (12 millóns de euros de 2023, fronte a 5,3 millóns de euros de 2022).
Orzamento de gastos
No que se refire aos gastos, a xerenta explicou que “a maior porcentaxe do crecemento pivota sobre o incremento dos custes de persoal e a inflación producida pola subida de prezos no ámbito dos consumibles”. No que atinxe aos custes de persoal, o capítulo I, continúa a ser a principal partida, representando o 59,22 % do total do orzamento cun importe de 134.968.199 €. Esta cantidade é superior á orzada en 2022, que foi de 122.361.464 €, xa que “ademais de absorber as subidas salariais recoñecidas polo Estado a todos os empregados públicos, estes consolidan as melloras laborais orientadas á estabilización, homoxeneización de réximes xurídicos de aplicación ás condición de traballo de todo o persoal, e a retención do talento”.
O capítulo II, de gasto corrente en bens e servizos, ten unha previsión de 33.570.772 €, experimentando un incremento do 7,03 %, en correspondencia co crecemento do IPC actual e do custo do subministracións de gas, electricidade e combustible, “xa que a pesar das medidas adoptadas para a redución do consumo e a xeración do autoconsumo, a evolución da inflación fai prever un forte incremento de ditos custes”.
O capítulo III, de gasto financeiro, redúcese nun 10,45% ata os 409.450€, mentres que o capítulo IV, de transferencias correntes, presenta unha baixada do -0,11%, que acada un valor de 7.217.724 €. O capítulo VI, de investimentos reais, acada unha contía de 50.614.965 €, cun grande incremento do +40,50 % verbo de 2022, e representa o 22,21 % sobre o total do orzamento de gasto. Esta suba explícase polo grande incremento de fondos alleos para a investigación procedentes do Fondo de recuperación, transformación e resiliencia.

