O orzamento da UVigo para o 2022 increméntase nun 7,6% e alcanza os 198,7 m€, o maior da súa historia

Imagen aérea del CUVI.

O reitor anunciou que a UVigo acadou en 2020 cifras récord en captación de fondos de I+D+i

A Universidade de Vigo contará en 2022 co orzamento estrutural máis alto da súa historia: 198,7 millóns de euros, o que supón un incremento do 7,6% respecto das contas do 2021. Este incremento, segundo explicou o vicerreitor de Economía, José Mª Martín Moreno, “confirma a senda de estabilidade orzamentaria da UVigo e a súa capacidade de funcionamento pleno no actual contexto, e permitirá seguir avanzando nos eixos estratéxicos do programa de goberno, especialmente centrados nas persoas”. Así o explicou o titular de Economía na sesión ordinaria do Claustro Universitario celebrada este venres para presentar as liñas orzamentarias para o próximo exercicio, e na que o reitor, Manuel Reigosa, presentou o seu último informe anual desta lexislatura, informe ao que tamén se sumou, entre outros, o da Valedora Universitaria.

Así, a Universidade de Vigo presenta un orzamento superior ao 2021 debido, segundo o vicerreitor, ao grande incremento das axudas derivadas do novo Plan de Recuperación, Transformación e Resiliencia e ao incremento da financiación do PFSUG 2022-2026. “O conxunto do gasto mantén criterios de evolución racionais, marcado pola xestión eficiente dos recursos ordinarios, garantindo a capacidade de funcionamento para o noso nivel de gasto, e potenciando o capítulo de persoal asociado ás novas políticas e garantindo a suba salarial”.

Dos 198,7 millóns de euros, 155.568.008 € son ingresos ordinarios, o que representa case 5 millóns de euros máis que nas contas de 2021. O resto do montante global corresponde á financiación afectada, é dicir, a asignada especificamente a proxectos ou investimento dependentes de convocatorias de terceiros.  Con todo, dende o equipo de goberno destacan que a cantidade total podería verse incrementada “á espera de confirmación de novas partidas procedentes da Unión Europea, que estimamos non sexan inferiores aos 7 millóns de euros, polo que o montante total de ingresos que poderá recibir a Universidade o ano que vén superará os 200 m€”, sendo o orzamento de ingresos máis alto da historia da institución. 

Estabilidade e contas saneadas para un novo ciclo

O 2022 será o ano no que se iniciará o desenvolvemento do Plan de Financiamento do SUG 2022-2026, asinado o pasado 7 de decembro. A este inicio de ciclo a UVigo chega, segundo Martín Moreno, “cunhas contas saneadas, con cumprimento dos criterios de estabilidade orzamentaria e presentando superávit estrutural dende 2014”. Neste sentido, a xestión económica da institución, sostén, “mantén firmes unhas coordenadas que pasan polo mantemento do equilibrio orzamentario e o estrito cumprimento dos prazos legais para facer fronte aos pagos, así como a incentivación da captación de recursos en fontes non tradicionais para manter e incrementar a actividade en distintos campos”.

O capítulo de persoal crece un 4,73% 

O orzamento do 2022 terá como eixo principal, como vén sendo habitual nas contas da institución, o capítulo correspondente ao persoal, que crece un 4,73% e representará o 61,59% do total, 122,4 millóns de euros, fronte aos 116.833.700 € do exercicio en curso. Este incremento débese á subida salarial do 2% previsto nos orzamentos do Estado para 2022, aos sexenios de transferencia e ás ofertas de emprego público 2021 e 2022.

Este montante para gastos de persoal permitirá ao equipo de goberno, como explica o vicerreitor, avanzar na finalización “dos compromisos adquiridos ao principio do mandato en relación co PDI e o PAS”, que pasaban pola baixada da docencia a 280 horas, o baleirado da bolsa de catedráticos e titulares, distintas convocatorias de contratados e axudantes doutores, captación de talento novo, axuste salarial de figuras predoutorais, pago íntegro de complemento específico das pagas extras, recoñecemento de quinquenios e sexenios aos axudantes doutores e recoñecemento progresivo de antigüidade ao persoal investigador, oferta de emprego público para o PAS, proceso de funcionarización do PAS laboral, etc. 

Xunto co capítulo de persoal, os orzamentos contemplan 36 millóns de euros para investimentos reais (18,13%) e 31,4 millóns (15,79%) para gasto corrente. 

Liñas xerais de actuación orzamentaria

Ademais de poñer o foco no PDI e o PAS, no relativo aos estudantes a UVigo seguirá a manter o esforzo de anos anteriores priorizando o mantemento das bolsas e o lanzamento de novas convocatorias extraordinarias, así como a captación de novo alumnado, co foco posto tamén na internacionalización. Outras das liñas estratéxicas serán o avance da dixitalización, un proceso que foi clave para facer fronte á pandemia, e a eficiencia enerxética e a sostibilidade. Neste último aspecto, a Vicerreitoría de Planificación contará para o exercicio de 2022 cunha dotación de 6.505.736 €, superior á do ano anterior ao incorporar unha dotación finalista para actividades de centros docentes e para rematar as infraestruturas de eficiencia enerxética. Ademais, continuarase coas actuacións estratéxicas dos campus de Ourense e Pontevedra e coas actividades de mantemento, actualización e conservación da infraestrutura existente.

A captación de fondos de I+D+i elévase ata os 27,7 millóns de euros

Este ano a captación de fondos de I+D+i acadou, segundo explicou o reitor no seu informe anual, a cifra récord de 27,7 millóns de euros, 4,8 millóns máis que en 2020, cando a cifra total ascendía xa a 22,9 millóns, superando de xeito claro as cifras acadadas nos anos previos (18,3 no 2019; 18,5 en 2018; 19 no 2017; 14 no 2016; 10 en 2015 e 9 no 2014).

Segundo foi detallando o reitor, o 23% destes fondos acadados en 2021 (6,4 millóns de euros) proceden de proxectos internacionais, maioritariamente (5,9 millóns) dos 16 proxectos que foron concedidos dentro da convocatoria H2020 da Unión Europea. Neste senso, Reigosa salientou que “a evolución histórica do número de proxectos europeos e os importes acadados pola comunidade investigadora da UVigo incrementouse un 17% respecto ao ano anterior”. As actividades de I+D supoñen outra das principais vías de captación de fondos. Neste caso, o importe por este tipo de actividades foi de 6,1 millóns de euros, “o que supón un incremento dun 23% en número e un 20% superior en importes con respecto ao 2020”. A outra gran partida é a dos proxectos nacionais, unha vía pola cal este ano se conseguiron 5,6 millóns de euros e que “amosa unha tendencia crecente en fondos desde 2018”. O resto dos fondos divídense entre as partidas autonómicas -que supuxeron ingresos por 3,9 millóns de euros-, as axudas para a adquisición de equipamento científico-técnico de última xeración no marco do Plan estatal de investigación -3,5 millóns-, e os proxectos desenvoltos en colaboración empresa-universidade (Ignicia, proba-concepto, etc), grazas aos que se conseguiron 1,7 millóns.

En relación co incremento progresivo da relación empresa-universidade, o reitor incluíu no seu informe unha referencia ao Programa de Doutoramento Industrial, “que a UVigo leva tempo tratando de impulsar” e para o que xa se recibiron once solicitudes de participación -sete do ámbito científico e catro do tecnolóxico-. Este programa supón que a investigadora ou investigador realizará os seus estudos a cabalo entre ambas entidades, o que segundo considerou o reitor, facilitará que “probablemente”, quede na empresa no futuro, “actuando de nexo de enlace” entre os grupos de investigación e o tecido empresarial.