O novo céspede do Campo de Fútbol das Baloutas en Mos estará instalado este mes

Os traballos de renovación iniciáronse a finais de agosto e prevese que estean finalizados antes de que remate o presente mes de setembro

A alcaldesa de Mos, Nidia Arévalo, o concelleiro de Deportes, José Areal, o coordinador de Deportes en funcións, Nacho Carballido, o presidente da Unión Deportiva Mos, Pablo Alonso Serodio, e demais membros da directiva da UD Mos, visitaron esta mañá a obra de renovación do céspede artificial do Campo de Fútbol Municipal das Baloutas, da Unión Deportiva Mos; que comezou a finais de agosto e prevese que poida estar rematada a finais do presente mes de setembro, dependendo da meteoroloxía.

Para financiar o custe desta mellora, próximo aos 200.000 euros, asinouse un convenio de cooperación entre a Secretaría Xeral para o Deporte da Xunta de Galicia e o Concello de Mos.

A Secretaría Xeral para o Deporte persegue, co mesmo, o obxectivo de apoiar á administración local mosense na mellora das infraestruturas deportivas municipais. Neste sentido é de interese da Secretaría Xeral para o Deporte da Xunta de Galicia, a colaboración coas administracións locais para o fomento do deporte no ámbito municipal, xa que as actuacións que se pretenden desenvolver teñen como finalidade a mellora dunha infraestrutura deportiva de uso público.

O campo de fútbol de As Baloutas, é unha instalación municipal referente en canto a volume de utilización por parte da veciñanza. A actuación a acometer é a substitución de céspede artificial do campo de fútbol de As Baloutas. A tal fin a técnico competente, elaborou un proxecto técnico cun orzamento de 188.793,93 €.

A Secretaría Xeral para o Deporte participa neste proxecto co obxectivo de potenciar o deporte base, sendo consciente da importancia da súa colaboración económica cos concellos para afrontar obras que beneficien ao conxunto dos cidadáns para a práctica deportiva. A Xunta de Galicia presta así un apoio especialmente necesario neste caso.

Pola súa banda, os representantes municipais, a alcaldesa de Mos, Nidia Arévalo, e o edil de Deportes, José Areal, destacaron que “a necesidade da mellora desta infraestrutura deportiva é innegable, por ter sido instalado o céspede actual no ano 2008 e ser As Baloutas un campo de fútbol polo que pasan en tempada entre 500 e 600 deportistas á semana e 1.500 persoas (entre público, pais/nais, familias… etc.) á semana. Non cabe dúbida pois do interese público e da importancia desta actuación, ao tratarnos o Concello de Mos dun municipio que aposta forte polo deporte en xeral e polo deporte base en particular”. O proxecto técnico do Concello de Mos para a substitución de céspede artificial do campo de fútbol de As Baloutas, é autoría da técnico municipal enxeñeira industrial Raquel González Gómez.

Como se dixo, o importe total das actuacións a realizar ao abeiro do convenio entre Xunta e Concello ascende á cantidade de 188.793,93 €, IVE incluído. A Secretaría Xeral para o Deporte, achega 100.000,00 €. O Concello de Mos achega 88.793,93 €.