O metal pontevedrés convoca unha xornada de folga para forzar a patronal a retomar a renovación do convenio provincial

As centrais chaman a seguir negándose a facer horas extras como medida de presión

Os sindicatos maioritarios no sector do metal da provincia de Pontevedra -CIG, CCOO e UGT- convocan unha xornada de folga o vindeiro 22 de abril para forzar a patronal a retomar as negociacións para renovar o convenio colectivo. A decisión foi anunciada na asemblea de delegados e traballadores celebrada hoxe nas inmediacións da estación marítima de Vigo.

Dende os tres sindicatos denunciaron que o persoal do sector leva dende finais de 2019 cos salarios conxelados e sen ningún tipo de mellora nas condicións laborais e sociais como consecuencia da falta de interese da patronal en renovar un convenio do que dependen preto de 30.000 traballadores a pesar dos esforzos feitos dende a representación sindical para consensuar unha proposta conxunta.

O resultado foi unha plataforma que condensa as reivindicacións en varios eixos principais, que pasan pola subrogación do persoal por parte das empresas privadas; Incremento salarial acorde ao esforzo dos empregados do sector; redución da xornada anual para evitar ter unha das xornadas máis altas da media dos convenios colectivos; control dos Centros Especiais de Emprego; introducir políticas contra o acoso para previr situacións discriminatorias; axeitar o rexistro de xornada ao que marca a lexislación laboral para o control horario; e actualizar as licenzas de acordo coas novas realidades persoais.

Os sindicatos están dispostos a aparcar a negociación do conxunto do convenio a 2022 sempre e cando se pacte de inmediato a actualización dos salarios, “porque non pode ser que levan conxelados dende 2019 mentres o prezo da vida non deixa de subir”. Esta proposta tamén foi rexeitada por unha patronal “que o único que persigue unha vez máis é aproveitarse da actual crise sanitaria e económica para precarizar aínda máis as condicións laborais”.

Por iso a CIG, CCOO e UGT apostan por unha mobilización contundente para forzar o reinicio das negociacións e por que os traballadores/as do sector continúan negándose a realizar horas extraordinarias como medida de presión.