O MARCO reúne a inédita serie de “Containers” de Quintana Martelo

O céntrico museo vigués estrea este luns unha exposición na que o artista galego leva traballando desde hai case que dez anos

O fío condutor da mesma, os contedores de obra nas cidades que visitou, retratados en ducias de obras de distintos formatos

O alcalde louvou a calidade dun traballo que encherá o MARCO ata o 27 de febreiro

Vigo loce desde este luns nova proposta cultural. O Museo de Arte Contemporánea (MARCO) abriu as súas portas aos “Containers” nos que Quintana Martelo leva traballando ininterrompidamente desde o ano 2012, unha serie prácticamente inédita de obras do artista santiagués que toman como punto de partida os contedores das urbes que visitou.

Todos teñen un trazo común que consegue chamar a atención: inicialmente, unha presenza escultórica definida, unha composición atractiva e un impacto visual. A serie está baseada nun conxunto de contedores, tratados como presenzas escultóricas, pero tamén como bodegóns urbanos. Xunto aos cadros da serie, que se exhiben en diferentes formatos, a mostra inclúe bosquexos preparatorios, debuxos e acuarelas de gran escala, de forma que a montaxe no seu conxunto permite coñecer en detalle o modo de traballar do artista e a súa resposta ante distintos soportes.

A inauguración tivo lugar no propio museo da rúa do Príncipe, coa participación do alcalde de Vigo, Abel Caballero, e do artista, xunto ao comisario da exposición, Juan Manuel Bonet, o director do MARCO, Miguel Fernández-Cid, o concelleiro de Cultura, Abel Losada, e a concelleira de Igualdade e Normalización Lingüística, Uxía Blanco. Na súa intervención, Abel Caballero louvou a calidade da exposición e a creatividade do artista, que foi quen de transformar un contedor de obra “nun obxecto de atención desde o mundo da arte”.

A exposición está producida polo propio museo vigués e supón a primeira mostra individual de Quintana Martelo en Vigo desde o ano 2003. “Containers” encherá as salas de exposicións da planta baixa do MARCO desde este 8 de novembro ata o próximo 27 de febreiro, data na que partirá en dirección á Sala Rekalde de Bilbao, onde estará exposta desde o mes de marzo.