O MARCO de Vigo acolle esta fin de semana unha nova edición do Sinsal Outono, o ciclo vinculado á experimentación sonora e á creación contemporánea

Luis Fernandes © Vera Marmelo

O evento, impulsado pola promotora local Sinsalaudio,  e que conta co apoio do Concello de Vigo, ofrecerá na súa primeira xornada os directos de El Hijo (20.30 h) e Luís Fernandes (21.45 h), mentres que o sábado 17 actuarán Dullmea (20.30h) e Otro (21.45 h)

As entradas para Sinsal Outono, cuxo acceso será gratuíto para as e os menores de 9 anos, están á venda a prezo reducido en www.enterticket.es, aínda que tamén se poderán adquirir no despacho de billetes do museo nas xornadas de celebración do evento

Esta fin de semana Vigo ten unha cita coa música de vangarda: o venres 16 e o sábado 17 celebrarase unha nova edición de Sinsal Outono, o ciclo de concertos intrinsecamente vinculados á experimentación sonora e á creación contemporánea que impulsa a promotora local Sinsalaudio, que este ano celebra o seu 20º aniversario.

Sinsal Outono, que conta un ano máis coa colaboración principal do Concello de Vigo, pon o foco na visualización de propostas singulares e únicas, de difícil clasificación e, por tanto, pouco habituais na programación dirixida ao público xeral. Neste 2022 ofrecerá dúas noites ateigadas de experimentación con bandas con bandas e artistas chegadas de distintos puntos Madrid, Valencia e Portugal, grazas tamén á colaboración do Instituto Camoes. Dullmea, El Hijo, Luís Fernandes e Otro conformarán o cartel desta nova edición do ciclo, ao que as e os menores de 9 anos poderán acceder gratuítamente.

Museo de Arte Contemporánea de Vigo (MARCO), espazo de referencia do universo da investigación, creación, innovación e produción contemporánea, e que tamén acompañou o desenvolvemento e proxección de Sinsalaudio ao longo destas dúas últimas décadas, acollerá este Sinsal Outono 2022, que comezará o venres 16 coa actuación de El Hijo (20.30 horas),o proxecto musical do compositor e produtor Abel Hernández (Migala, Emak Bakia), e do artista multidiscilplinar Luís Fernandes (21.45 horas), quen presentará o seu novo disco, ‘A guide to gettin lost’.

A segunda e última xornada do ciclo terá lugar o sábado 17. Chegará da man da violinista e compositora Dullmea (20.30 horas), que ofrecerá unha suxerente inmersión no seu universo sonoro, minimalista e experimental coa presentación de ‘Orduak’, o seu último traballo. O valenciano Otro (20.30 horas), autor de ‘Portuaria’, un dos discos máis salientables da escena electrónica de 2021, será o ramo deste Sinsal Outono 2022.

As entradas para o ciclo están á venda de forma anticipada e a prezo reducido (10 euros) na plataforma Enterticket. Os billetes poderanse adquirir (por 12 euros) no propio museo os días de celebración do evento.