O MARCO celebra o vixésimo aniversario cunha mostra de Francisco Leiro

— A delegada da Xunta en Vigo e o secretario xeral de Cultura, Anxo Lorenzo, visitaron este sábado a mostra do artista cambadés.

“Francisco Leiro. O antropomórfico” se exhibirá nas salas da planta baixa do MARCO ata o 8 de xaneiro

A delegada territorial da Xunta en Vigo, Marta Fernández-Tapias, e o secretario xeral de Cultura, Anxo Lorenzo, visitaron este sábado a mostra “O antropomórfico”, do artista Francisco Leiro, que se estrea no Museo de Arte Contemporánea de Vigo (MARCO) con motivo do 20 aniversario da sala.

A representante autonómico destacou a traxectoria artística vital do pintor e escultor cambadés. “Sen ningunha dúbida estamos ante un dos grandes artistas galegos contemporáneos con esculturas xa icónicas na nosa cidade como O Sireno ou O Nadador e a súa presenza no MARCO é un importante aliciente para que vigueses e visitantes visiten o noso museo”, sinalou Fernández-Tapias.

A exposición “Francisco Leiro. O antropomórfico”, que se exhibirá nas salas da planta baixa do MARCO ata o 8 de xaneiro, formula unha revisión da obra do artista ao longo de máis de tres décadas: un traballo centrado no antropomórfico, que é sen dúbida un dos eixes da súa produción.

Coincidindo coa celebración do seu 20º Aniversario, o MARCO presenta o catálogo do mesmo nome, unha publicación que completa o círculo deste proxecto, comisariado por Miguel Fernández-Cid, na súa dimensión expositiva e editorial.