O inicio da humanización da rúa Val Miñor avanza a mellora da contorna de Balaídos

Abel Caballero colocou este venres, cos concelleiros Carmela Silva, Javier Pardo, e co director de operacións do Celta, Carlos Cao, a primeira pedra da «gran» humanización da rúa Val Miñor, na confluencia de Fragoso e a zona da bancada de Tribuna do Estadio Municipal de Balaídos. Avanzou que a obra, cun orzamento de 1.800.000 euros, estará lista o próximo outono

O alcalde explicou que as obras de mellora da rúa Val Miñor, coa que o Concello leva a cabo a reforma integral da contorna do Estadio Municipal de Balaídos,  avanza no proxecto de completar «a gran reforma do Estadio de Balaídos».

- Publicidad -
Centaurus Box Vigo Cross Training

Caballero incidiu en que o goberno municipal quere «mellorar toda a contorna», xa que «é unha zona que utiliza moitísimo todas as persoas que viven na contorna e, ademais cada dúas fin de semana 50.000 persoas móvense na contorna do campo».

A humanización recuperará para os peóns o espazo que agora se utiliza como aparcamento. Tamén integra a reposición da rede de pluviais coa finalidade de abordar a solución para os problemas que provocan as inundacións, así como a instalación de sumidoiros nos desniveis entre o pavimento peonil e o rodado para que poidan reter auga, ademais da instalación de novos tubos de pluviais con maior capacidade que os actuais.

Caballero detallou que se renovará a rede de iluminación e o mobiliario urbano, e que a zona contará cunha rede de rega por goteo.

As melloras tamén conlevarán a instalación dunha nova marquesiña para a parada do autobús e un novo photocall co nome do Estadio Municipal de Balaídos.