O IIS Galicia Sur, con sede no Álvaro Cunqueiro, bate récords de actividade e afronta a acreditación do Instituto de Salud Carlos III

Hai 127 proxectos de investigación activos e 547 ensaios clínicos

O Instituto de Investigación Sanitaria Galicia Sur (IISGS), con sede no Hospital Álvaro Cunqueiro, bateu récords de actividade no último exercicio, segundo consta na Memoria Científica que se aprobou na reunión que mantivo o Consello Reitor da institución. Un aumento de actividade que serve para afrontar, de forma definitiva, a acreditación oficial do Instituto de Salud Carlos III (ISCIII), obxectivo para o que se traballa desde hai anos.

A reunión celebrouse de forma telemática mediante videoconferencia entre o Hospital Álvaro Cunqueiro e o resto das administracións cuxos responsables forman parte do Consello Reitor. Estivo presidida polo conselleiro de  Sanidade, Julio García  Comesaña, e á mesma asistiron o reitor da Universidade de Vigo, Manuel Reigosa; o xerente da  Axencia  Galega para a  Xestión  do  Coñecemento en  Saúde (ACIS), Antonio Fernández Campa; o xerente da Área Sanitaria de Vigo, Javier Puente; o director científico  do Instituto, José Ramón Fernández  Lorenzo; a directora da Fundación Biomédica Galicia Sur, Beatriz Gil de Araújo; a vicerreitora de Investigación da Universidade de Vigo, María Belén Rubio; o investigador e xefe do servizo de Pneumoloxía do CHUVI, Alberto Fernández Villar; e os investigadores da Universidade de Vigo, África González e Federico Mallo.

O director científico do IISGS, José Ramón Fernández  Lorenzo, foi o encargado de informar os membros do Consello Reitor das novidades do último ano, así como de presentar a Memoria Científica correspondente a 2019.

Os parámetros de calidade e os indicadores do Instituto están xa adaptados á nova Guía Técnica de Acreditacións do ISC III, segundo explicou o doutor Fernández Lorenzo ao comezo da súa exposición.

Indicadores en aumento

O contido da Memoria Científica do IIS Galicia Sur non deixa lugar a dúbidas sobre a intensa actividade despregada. Os indicadores mostran un aumento exponencial en cada unha das 6 Áreas de Investigación e nas 2 que están consideradas como transversais.

De feito, o número de grupos de investigación adscritos ao Instituto sitúase xa en 56, tres máis que na anterior memoria. Trátase dos grupos de Uropatoloxía, Tenfasa (Testando novas formas de asistencia sanitaria) e  Wellmove (Benestar e movemento).

Un crecemento aínda máis significativo é o correspondente aos artigos científicos  indexados, que se situaron en 433 no último exercicio, o que supón un aumento de case o 34% con respecto ao anterior. Eses artigos xeraron un factor de Impacto Acumulado de 2.018, cifra que supera á anterior en máis de 600 puntos. Mentres, o número de capítulos publicados en libros científicos foi de 44, tamén en crecemento.

O  IISGS ten nestes momentos un total de 127 proxectos activos, dos que o 77% están liderados por investigadores propios. Desa cantidade, 103 corresponden a proxectos nacionais e o resto, 24, a proxectos internacionais.

Se a cifra de proxectos é moi significativa da actividade do Instituto, non o é menos o número de estudos clínicos activos, que ascenden a 547. Deles, 194 asináronse ao longo do ano 2019.

Os investigadores do  IIS Galicia Sur dirixiron, ademais, 44 teses doutorais, o dobre que no exercicio anterior. E participan en 47 patentes que están en vigor.

Toda esta actividade provocou que aumentasen tamén os ingresos xestionados, que no ano 2019 ascenderon á nada desprezable cifra de 5,9 millóns de euros.

Novos contratos e subvencións

O Instituto logrou, ademais, novos contratos de investigación ao longo de 2019 e no que vai de ano 2020. O primeiro deles foi o contrato “Miguel  Servet” do investigador Samuel García, que se  incorporou a principios deste ano ao  IISGS. Pertence ao Grupo de investigación  IRIDIS (Reumatoloxía e Enfermidades Inmuno-Mediadas).

Ao longo deste mesmo ano lográronse outro “Miguel  Servet”, a cargo de Mónica Martínez, do Grupo de Oncoloxía  Traslacional, e dous contratos “Río Hortega”, un para o Grupo  IRIDIS e outro máis para o Grupo de Enfermidades Infecciosas.

Doutra banda, durante o último exercicio conseguiuse a concesión de 28 subvencións nacionais á investigación (7 delas do  IIS Carlos III) e 3 internacionais.