O IIS Galicia Sur abre as súas portas a pacientes reumatolóxicos

O Grupo  IRIDIS reuniu a representantes de asociacións de enfermos con patoloxías  reumáticas nunha xornada marcada polo intercambio de opinións

Os participantes coñeceron as instalacións do Instituto de Investigación Sanitaria Galicia Sur nas que se investiga sobre as súas doenzas

O Instituto de Investigación Sanitaria Galicia Sur abriu as súas portas a pacientes reumatolóxicos nunha xornada de participación na que os intercambios continuos de opinións foron protagonistas.

Organizada polos membros do Grupo  IRIDIS, de Reumatoloxía e Enfermidades  Inmuno-mediadas, á xornada asistiron máis de setenta persoas, tanto doentes como representantes das asociacións de pacientes invitadas: ASEARPO, ConArtritis, Lupus Galicia, FELUPUS, Asociación Española de Esclerodermia, AVIDEPO e Liga  Reumatóloxica Galega, que se deron cita no Hospital Álvaro Cunqueiro.

O investigador principal de IRIDIS, o  reumatólogo da Área Sanitaria de Vigo José María Pego Reigosa, expresou a súa satisfacción pola resposta das distintas asociacións á convocatoria da I Xornada de Portas Abertas OpenLab: “Foi un pracer contar con todos eles; isto anímanos a seguir investigando e a incrementar as nosas ganas de mellorar”.

Os asistentes, ademais de escoitar e de opinar sobre as distintas intervencións que se produciron na xornada a cargo de facultativos e enfermaría do Servicio de Reumatoloxía, puideron coñecer as instalacións do laboratorio do IIS Galicia Sur, situadas no Álvaro Cunqueiro, nas que lévanse a cabo os traballos de investigación sobre as distintas enfermidades reumatolóxicas. O Grupo  IRIDIS conta, entre os seus integrantes, co investigador post-doctoral galego Samuel García Pérez (contrato Miguel  Servet) e o seu equipo, con varios investigadores básicos predoctorales.

2.000 pacientes con artrite reumatoide

A enfermidade articular  inflamatoria crónica máis habitual é a artrite reumatoide (AR). Unha patoloxía que é máis frecuente (ao redor dun 61%) nas mulleres cunha idade media de 60 anos e que residen en zonas urbanas. O servizo de Reumatoloxía da Área Sanitaria de Vigo atende na actualidade a uns 2.000 pacientes con esta patoloxía.

Outra enfermidade articular  inflamatoria crónica relativamente común é a  Espondilite Anquilosante (EA). É unha patoloxía cunha incidencia aproximada de 7 novos casos  por cada 100.000 habitantes ao ano. A EA ten un claro predominio en homes novos, sendo moito menos común en mulleres. Na Área de Vigo aténdese ao redor de 600 pacientes con EA.

O servizo de Reumatoloxía trata, ademais, a máis de 300 pacientes con Lupus  Eritematoso  Sistémico (LES). “A Área Sanitaria de Vigo ten unha gran experiencia nesta enfermidade  reaumatolóxica autoinmune, que mostra unha prevaleza de 2,1 por 1.000 en persoas maiores de 20 anos”, subliña o doutor Pego.

Desde o Grupo  IRIDIS do  IISGS coordínase o rexistro  nacional RELESSER (Rexistro de pacientes con LES da Sociedade Española de Reumatoloxía), que é o máis grande do mundo, con máis de 4.000 pacientes. Tamén se participa nos ensaios clínicos que a nivel internacional avalían a eficacia e seguridade de novos terapias para tratar o LES.