O hospital Álvaro Cunqueiro sumouse hoxe a celebración do Día Internacional do Cancro Infantil

As Asociacións Bicos de Papel e Asanog, acompañados dos paiasos de Galiclown, achegáronse ao Hospital de Día para entregarlles aos pequenos pacientes diversos agasallos que  foron doados por El Corte Inglés

O Chuvi atende a 150 menores da área viguesa, dos que 20 están en fase de tratamento activo. O pasado ano diagnosticáronse 25 novos casos

O cancro que afecta en maior medida aos nenos é a leucemia, seguida polos tumores do sistema nervioso central e os linfomas

O hospital Álvaro Cunqueiro sumouse hoxe a celebración do Día Internacional do Cancro Infantil con diversas actividades, co obxecto de enviar unha mensaxe de apoio e esperanza a tódolos nenos e nenas que están loitando contra esta enfermidade e as súas familias.

Así, as Associacions Bicos de Papel, Asanog e os Paiasos de  Galiclown achegáronse ata o Hospital de Dia de pediatría para entregarlles aos pequenos pacientes uns agasallos, que foron doados por El Corte Inglés.

O cancro infantil non se pode previr, polo que os esforzos céntranse en lograr o diagnóstico temperá dos casos, e en dispoñer dos mellores tratamentos, porque é aquí onde reside a clave da supervivencia dos menores e a súa calidade de vida. A coordinadora da Unidade de Oncoloxía Infantil, María Tallón, amosa optimismo xa que “a dia de hoxe  o  índice de supervivencia do cancro infantil sitúase nun 80%, e manténdose al alza  nos últimos años, o que  denota un avance nos coidados e tratamentos para o cáncer que aplicamos aos nosos nenos e nenas”.

Os puntos fundamentais desta atención son: un diagnóstico precoz, tratamento protocolizado, seguimento de efectos secundarios, e apoio noutros temas importantes para a familia e os nenos como a  escolarización e a reincorporación a súas vidas tras o tratamento.

25 novos diagnósticos o pasado ano

No pasado ano se diagnosticáronse 25 pacientes con patoloxía oncolóxica infantil maligna, cifra igual ao do ano anterior, que seguen tratamento quimioterápico en hospital de día e planta de pediatría.

Deles, a enfermidade máis frecuente foi a leucemia aguda seguida do linfoma e dos tumores do sistema nervioso central.

En xeral, a Unidade de Oncoloxía pediátrica do Álvaro Cunqueiro atende a 150 menores da área sanitaria viguesa. A maioría deles están en fase de seguimento en consulta, unha vez concluído o seu tratamento no hospital.

Nestes momentos, hai 20 pacientes en fase de tratamento activo (quimioterápico). O Hospital de Día Pediátrico atende de xeito ambulatorio a unha media diaria de 8 pacientes.

O seguimento dos nenos que xa concluíron o seu período hospitalario oscila entre cinco e dez anos, segundo o tipo de tumor que padezan.

A atención sanitaria prestada nos hospitais pretende dar unha resposta óptima dende o punto de vista médico, pero tamén quere ofrecer unha atención integral, que comprenda todos os aspectos da esfera psico-bio-social da persoa e da súa familia, incluíndo a oferta dun servizo docente para que os nenos continúen coa súa programación académica, así como as actividades lúdicas e de lecer.

Diagnóstico precoz e investigación

Ademais, nas consultas de oncoloxía pediátrica do CHUVI realízase un seguimento de pacientes con síndromes xenéticos con predisposición ao cáncer, para realizar un diagnóstico de precoz. “Ademais,- explica a doutora Tallón,  temos en marcha varios proxectos de investigación nos que estamos traballando nesta Unidade para mellorar a asistencia,  participando en varios ensaios clínicos, fundamentalmente en distintos campos da hemato-oncoloxía pediátrica e os coidados paliativos”.