O Hospital Álvaro Cunqueiro acolle a xornada de portas abertas para os futuros residentes da Área Sanitaria de Vigo

Será o próximo día 1 de xuño no Hospital Álvaro Cunqueiro

Os interesados en realizar a súa formación especializada nos centros desta área sanitaria terán a oportunidade de coñecer a organización e de recibir información de primeira man de titores e dos residentes actuais

A comisión de Docencia da Área Sanitaria de Vigo organiza unhas Xornadas de Portas Abertas para ofrecer información aos futuros residentes, tanto facultativos como enfermaría, sobre a actividade asistencial, docente e de investigación que se realiza nos centros da sanidade pública da área viguesa. Será o próximo martes dia 1 de xuño no Salón de Actos do Hospital Álvaro Cunqueiro.

Trátase da terceira edición destas xornadas -que foi suspendida o pasado ano por mor da pandemia- e reeditada, con todas as medidas de seguridade fronte ao Covid19, ante o éxito das organizadas en anos anteriores e ao gran volume de demanda de información recibida na comisión de Docencia, por parte dos interesados en realizar a súa e formación especializada nesta área sanitaria.

Nesta actividade informativa, na que participará o xerente da Área Sanitaria, Javier  Puente, cóntase coa colaboración de titores e actuais residentes das diferentes especialidades, que serán os encargados de facilitar unha información máis directa sobre o día a día da súa labor asistencial. Así, se lles amosará aos futuros residentes as actividades máis destacadas, os programas formativos, a supervisión e titorización nas diferentes Unidades e a súa práctica clínica habitual. Para isto organizouse unha xuntanza cos representantes dos residentes e visitas “in situ” aos diferentes servizos acompañados de titores e residentes.

Ademais, se adicará un tempo específico para expoñerlles tamén a vertente investigadora  e docente da Área de Vigo, para o que se contará  coas intervencións dos investigadores do Instituto de Investigación Sanitaria Galicia Sur, Angel Salgado e Eva Poveda.  Aqueles interesados en participar deben inscribirse nun rexistro,  a través da secretaría da Comisión de Docencia, contactando no teléfono 986 217 659 ou do correo electrónico: comision.docencia.vigo@sergas.es