O grupo municipal do PP demanda ao Concello de Redondela a cesión dos terreos e a elaboración do proxecto para facer a nova gardería en Chapela

O portavoz de Asuntos Sociais, Alberto Pazos, lamenta que o BNG “pretenda levar adiante esta obra retirando cartos destinados ao funcionamento dos centros de maiores”

O portavoz de Asuntos Sociais do Grupo Popular, Alberto Pazos, demandou hoxe ao Concello de Redondela que “poña a disposición da Xunta tanto os terreos necesarios como o proxecto para a nova escola infantil de Chapela, de xeito que o Goberno galego poida habilitar as partidas correspondente para a súa construción e non verse obrigada a retirala como xa aconteceu en 2019 logo de que o Concello non cumprira as súas obrigas”.

Alberto Pazos reafirmou o compromiso da Xunta de Galicia por dotar dunha nova escola infantil en Chapela cofinanciada co Concello de Redondela, “pero lamentablemente non estamos a atopar o mesmo interese desde o Goberno llocal, xa que segue sen cumprir os requisitos mínimos para a construción desta instalación: ceder os terreos necesarios para a súa localización e aportar o proxecto de obra”.

Tres anos sen avanzar

“Resulta sorprendente que o BNG intente agora botar as culpas da falta desta escola infantil á Xunta, cando é consciente que no seu momento apoiou a unha alcaldesa que é incapaz en tres anos de avanzar na tramitación deste proxecto cumprindo os requisitos mínimos que establece a Xunta para a súa construción”, indicou.

O portavoz popular tamén criticou que o BNG pretenda construír esta nova escola infantil en Chapela “retirando cartos da partida orzamentaria destinada ao funcionamento ordinario dos centros de maiores, algo ao que desde o PPdeG non opoñeremos sempre porque non estamos dispostos a deixar desatendidos ao nosos maiores”.

“O que é fundamental é que o Concello de Redondela cumpra os seus compromisos e poña a disposición da Xunta tanto os terreos como o proxecto da nova escola infantil, de xeito que o Goberno galego poida dotar cuns orzamentos adecuados esta obra para que os nenos de Chapela e de todo o municipio poidan gozar de mellores instalacións para a súa aprendizaxe e desenvolvemento”, subliñou.