O Grupo de Acción Local do Sector Pesqueiro (GALP) da Ría de Vigo – A Guarda e o Concello de Cangas organizan unha xornada informativa e de orientación sobre o sector do mar o vindeiro 14 de xuño ás 12:00 horas na Casa de Oficios Lorenzo Corbacho.
A sesión, dunha duración entre 1 hora e 30 minutos e dúas horas, está dirixida a persoas desempregadas maiores de 18 anos que estean empadroadas nos concellos da área do GALP Ría de Vigo-A Guarda (Cangas, Moaña, Vilaboa, Soutomaior, Redondela, Vigo, Nigrán, Baiona, Oia, O Rosal e A Guarda) e teñan interese en descubrir todo o potencial que ten o noso mar para crear emprego.
No encontro daranse a coñecer as oportunidades laborais que ofrece o sector, os diversos oficios que abrangue (pesca, marisqueo, acuicultura), as titulacións e centros de formación que resultan de interese, así como aqueles recursos para a busca activa de emprego. Esta xornada será a primeira dun ciclo informativo que ten como obxectivo darlle visibilidade a todas as saídas profesionais que xera o mar.
As prazas son limitadas, polo que é preciso inscribirse. Para máis información poden contactar co GALP Ría de Vigo-A Guarda nos teléfonos 986 358 109 / 646 873 106 ou no correo electrónico galp.mar.riadevigoaguarda@xunta.gal ou co Concello de Cangas.