O goberno municipal suma dúas naves do Vao ás instalacións deportivas municipais

O alcalde informou este martes da adquisición directa de dúas naves existentes nunha parcela que linda co campo do Coruxo

Abel Caballero valorou a adquisición destas dúas naves como “un novo avance nos estadios deportivos da cidade”, xa que servirá para dar servizos específicos deportivos, tanto ao propio Campo Municipal do Vao como a outras actividades deportivas dada a súa proximidade á praia.

A Xerencia de Urbanismo deu luz verde este martes á compra directa das dúas edificacións da parcela situada na Estrada O Vao-Coruxo, á altura do número 157, ao carón do campo do Coruxo. O valor das naves é de 363.000 euros e o obxectivo é destinalas a instalacións deportivas, tal e como explicou o rexedor. Podería servir, por exemplo, para instalacións de remo, xa que hai equipos que están facendo prácticas ao carón da Finca de Mirambel onde cómpre continuar as excavacións para seguir descubrindo villas romanas que, todo apunta a que hai máis restos, explicou.