O goberno municipal oferta 250 prazas para actividades de conciliación durante o Nadal

As familias con nenos de entre 4 e 12 anos interesadas en participar no programa gratuíto do Concello deben realizar a inscrición na web www.xuventudevigo.org desde este xoves 15 de decembro ás 9 horas da mañá. As prazas serán adxudicadas por orde de inscrición.

O alcalde informou este mércores da oferta de actividades de conciliación familiar durante as vacacións escolares de Nadal. O Concello ten en marcha un programa pensado para ofrecer un tempo de lecer educativo dentro da cidade e facilitar así a conciliación da vida familiar e laboral.

Caballero explicou que haberá 250 prazas gratuítas dispoñibles para nenas e nenos de entre 4 e 12 anos, nacidos en Vigo entre os anos 2010 e 2018. A participación no programa debe solicitarse de xeito telemático desde mañá xoves, 15 de decembro, ás 9 da mañá. Será entón cando abra o prazo de inscrición a través da web xuventudevigo.org. As prazas serán adxudicadas por orde de inscrición ata a cobertura das prazas.

En canto á actividade que van desenvolver as nenas e nenos, o rexedor sinalou que abordarán a temática de Nadal a través de xogos e talleres nos que ademais se traballarán valores como a igualdade, a educación ambiental e o respecto ás tradicións culturais desta época, en suma “ocio educativo”.

As actividades desenvólvense os días 23, 26, 27, 28, 29 e 30 de decembro e os días 2, 3, 4 e 5 de xaneiro en horario de 7:45 a 15:15 horas, de luns a venres. Ademais, haberá aula matinal de 8 a 9 da mañá e servizo de friameira desde as 14 ás 15 horas. O Pavillón central das Travesas, a Casa da Xuventude e o Pavillón de Coia acollerán estas actividades.