O goberno municipal licita as ramplas mecánicas do centro de saúde de Lavadores

A Xunta de Goberno Local aprobará o vindeiro venres a licitación para a implantación do mecanismo que conectará a rúa Ramón Nieto coa contorna do centro de saúde 

A Xunta de Goberno Local aprobará o vindeiro venres a licitación para a implantación do mecanismo que conectará a rúa Ramón Nieto coa contorna do centro de saúde de Lavadores e o colexio Fonte Escura e que inclúe a humanización de toda a contorna.

Abel Caballero explicou que o Concello investirá 1.814.000 euros para executar esta obra que conta cun prazo de execución de 10 meses e que previsiblemente poderá iniciarse no mes de marzo.

O proxecto contempla as actuacións necesarias para rehabilitar e renovar a contorna urbana do centro de saúde de Lavadores e o Colexio Fonte Escura, entre a Avenida Ramón Nieto e Travesía de Barreiro. A rampla salvará unha pendente duns 11 metros nunha lonxitude de 40 metros, en tres tramos, que conforman un corredor mecánico que facilitará o desprazamento da cidadanía ao centro sanitariO goberno municipal instalará as ramplas mecánicas e acometerá a humanización da contorna creando novos espazos mediante a ordenación viaria e a renovación dos servizos urbanos: abastecemento, saneamento e alumeado. A obra contempla a renovación do saneamento, unha nova rede de pluviais, mellora da eficiencia enerxética, instalación de puntos de luz con tecnoloxía led, novos pavimentos, mobiliario e espazos verdes. Amais, o alcalde sinalou que se executará unha zona estancial para descanso e goce da cidadanía.

Esta actuación do Concello súmase ás que xa están en marcha dentro do programa Vigo Vertical: o ascensor HALO, o ascensor da Praza da Estación que xa está en funcionamento; están en marcha a rampla de acceso ao Centro de Saúde de Teis, as ramplas de Escultor Gregorio Fernández, o ascensor e rampla para conectar Travesía e Aragón e as escaleiras mecánicas de Talude moi avanzadas. Amais executarase unha rampla en Serafín Avendaño; está avanzado o acceso mecánico desde rúa Carral a Porta do Sol, trabállase na conexión de Romil con Hispanidade por ascensor igual que na rampla do Colexio Losada con Ramón Nieto e esta a completarse o corredor mecánico entre Camelias e Hispanidade.