O goberno municipal aproba unha nova rampla mecánica entre Ramón Nieto e a contorna do Colexio Losada

O alcalde informou en rolda de prensa dos acordos acadados pola Xunta de Goberno Local para iniciar novos elementos do Vigo Vertical e humanizacións.

O rexedor anunciou na rolda de prensa matinal a aprobación do proxecto de rampla mecánica que conectará a contorna do Colexio Losada e rúa Ramón Nieto. Conta cun prazo de execución de 9 meses e un importe destinado de 2.305.531€. Como sinalou Caballero “ten un desnivel tremendo, polo que a rampla permitirá salvar ese desnivel terrorífico”.

O proxecto contempla tres ramplas mecánicas cunha lonxitude total de 98 metros para salvar unha diferenza de cota de 18 metros, sobre a rampla levará unha estrutura de cubrición formada por pórticos metálicos e vidro laminado.

Rampla mecánica de rúa de Aragón

Abel Caballero tamén deu conta da licitación das obras da rampla mecánica de rúa de Aragón entre o nº 209 e nº 178. Esta rampla completará a conexión vertical entre Travesía de Vigo e Aragón. Conta cun importe de 879.382€ e ten un prazo estimado de execución de 8 meses.

Entre as actuacións que complementan este proxecto, contemplase o soterramento das infraestruturas de servizos urbanos; a renovación íntegra das redes de abastecemento e saneamento, rede separativa de fecais e pluviais; a nova iluminación pública e a reposición do mobiliario urbano desprazado, asegurando unha área de descanso na praza no itinerario entre a costa e o ascensor.

O alcalde recordou que a maiores, o Concello xa a licitación das obras do ascensor entre Travesía de Vigo nº160 e Aragón nº209, “que conectará coa rampla”. Asentada xunto á Praza de Santo Cura de Ars, que salvará unha pendente de 9,6 metros e que contará cunha capacidade para 13 persoas. Este proxecto, que arrincará a obra no último trimestre do ano, conta cun presuposto de 721.190 euros, elevando o total da inversión na contorna ata o 1.600.000 euros.

Humanización das rúas Marqués de Valladares e Coruña

Na rolda de prensa tamén se informou da humanización de Marqués de Valladares, na que o Concello modificará o adoquín por aglomerado pulido por un importe de 214.109€. Como sinalou o rexedor “xa realizamos unha metade e agora imos ca segunda”, engadindo que “con esta mellora liquidamos o problema que herdamos de gobernos anteriores”. Tamén en rúa de A Coruña se inverterán 514.343€ na súa humanización.