O goberno municipal analiza o estado conservación da oliveira do Paseo de Alfonso

O rexedor asiste á realización dunha tomografía da «gran oliveira da cidade» que preside a zona

O alcalde, Abel Caballero, asistiu este mércores á realización dunha tomografía da «gran oliveira da cidade» que preside o Paseo para revisar o seu estado de saúde, confiando en que «siga dándonos boas noticias», dado que os últimos estudos amosan un «vigor moi aceptable».

Segundo explicou Caballero, a tomografía permitirá obter unha radiografía do estado desta árbore tan «singular e importante na cidade», un sistema de estudo que o goberno municipal leva 10 anos empregando anualmente. Seguindo as recomendacións dos técnicos, o rexedor avanzou que se ampliará o perímetro valado da árbore. 

O último estudo, realizado en 2019, dado que en 2020 non foi posible pola pandemia, amosou que a oliveira «despois de abrirlle o espazo e aplicarlle o tratamento está moi vigorosa, ten 14 metros de altura, non ten enfermidade grave e ten un vigor moi aceptable para a súa idade», informou o rexedor. Durante moitos anos, dixo, o exemplar foi «mal tratado» e precisaba maior espazo de terra, algo que solucionou o Concello «duplicando o espazo e agradéceo coa súa frondosidade». 

Amais das tomografías anuais, os técnicos municipais someten cada mes á oliveira do Paseo de Alfonso a un exame visual para revisar o seu estado e aplican medidas conservadoras para o seu correcto mantemento.

Así Caballero dixo confiar «en que siga dándonos boas noticias e que teremos oliveira na cidade durante outro par de séculos máis».