O goberno municipal adxudica a obra do ascensor Halo por 12.560.000 euros 

“O ascensor Halo vai dar a volta ao mundo porque é excepcional”, avanzou o rexedor este martes, poñendo en valor esta obra que mellorará a comunicación entre a zona baixa e a zona alta da cidade

A Xunta de Goberno Local extraordinaria celebrada este martes aprobou a adxudicación das obras da conexión peonil entre as rúas Serafín Avendaño e Vía Norte que ten un orzamento de 12.562.000 euros dos que case 6 millóns procederñan do Plan de Recuperación Transformación e Resiliencia do Goberno de España con fondos Next Generation da Unión Europea que cofinancia “case a metade do ascensor”.

“Imos a toda velocidade, en tempo e forma na realización dunha das grandes obras de Europa. O ascensor Halo vai dar a volta ao mundo porque é excepcional, unha escultura, cunha enorme capacidade de mobilización” sinalou Caballero en rolda de prensa. Tal e como explicou, o ascensor acada case 50 metros de altura, pasa por enriba da autoestrada e enlaza en Vía Norte coa gran estación do AVE. Posteriormente, coa instalación de novas ramplas na rúa Escultor Gregorio Fernández, conectará tamén a zona de mar da cidade co Barrio de Ribadavia”.

O alcalde deu conta tamén dalgunhas melloras propostas pola empresa adxudicataria como o cerramento en vidro, facéndoo máis transparente desde o interior cara ao exterior, e o aumento do espesor mellorando o aspecto da carpintería e a estética enfatizando a cor branca do Halo. A mellora do paisaxismo no espazo entre o embarque inferior e o muro de terra armada que sostén a AP-9, mellorando o espazo verde que se conforma e integrándoo na contorna; melloras no sistema de instrumentación e monitorización estrutural da pasarela e a implantación dun sistema de avaliación de indicadores do comportamento social e ambiental do novo espazo público urbano.

Unha vez adxudicadas as obras, hai que deixar un prazo de posibles recursos de 15 días hábiles antes de formalizar o contrato, coa previsión de que se poida asinar a primeira semana de xullo e que as obras empecen en agosto. Teñen un prazo de execución de 12 meses.