O goberno municipal acomete o estudo xeotécnico no solo da pista cuberta de skate de Navia

O alcalde informou este xoves da execución dos traballos que permitirán determinar as condicións e a capacidade do terreo para albergar o Indoor Park de Navia, que permitirá a práctica de skate, bmx, scooter e roller

O estudo xeotécnico do solo da parcela situada nas rúas Ufas e Poza Cabalo, ao carón do CEIP Rodríguez Castelao, inclúe sondaxes mecánicas, ensaios de resistencia do terreo e ensaios con descrición das características do subsolo. Unha vez coñecidas as condicións xeotécnicas do terreo “poderemos iniciar a construción”, avanzou Caballero, xa que os datos posibilitarán coñecer a capacidade portante do terreo.

Tal e como recolle o anteproxecto, o goberno de Vigo prevé a construción dunha pista de skate cuberta de 2.800 metros cadrados con zona rampla, que dispoñerá de ramplas e quarters desde o 1,60 aos 4 metros de altura, e con zona rúa. O Indoor Park Navia será un espazo para a práctica de deportes urbanos: skate, bmx, scooter e roller “con características que permitirán que os deportistas teña pista homologable coa competición olímpica”.