O Goberno local comeza a tramitación para establecer zonas de baixas emisións

A Xunta de Goberno Local valida esta semana a apertura da consulta pública, previo á elaboración da ordenanza que regule estes espazos

Abel Caballero avanzou este martes que podería haber varios en Vigo e que o obxectivo é mellorar a calidade do aire reducindo os ruídos e as emisións de gases de efecto invernadoiro

O alcalde anunciou que a Xunta de Goberno Local dará luz verde á proposta, que celebrarase este venres, e suporá a apertura dun período de vinte días hábiles para que a cidadanía, as organizacións e as asociacións que o desexen poidan facer chegar ao Concello as súas opinións ao respecto, antes de que se inicie a redacción da ordenanza. A consulta pública estará habilitada na web do Concello de Vigo.

A Lei 7/2021 de cambio climático e transición enerxética recolle que os municipios de máis de 50.000 habitantes adoptarán antes de 2023 plans de mobilidade urbana sostible que incorporen medidas para reducir as emisións derivadas do transporte, entre estas, as zonas de baixas emisións. O goberno de Vigo, afirmou Caballero, podería delimitar varias.

Os obxectivos, explicou, pasan por «mellorar a calidade de aire e a saúde da cidadanía, reducindo o ruído e as emisións, tamén por contribuír a mitigar os efectos do cambio climático, xerar modelos de transporte máis sostible e conseguir unha mellor eficiencia enerxética».

As zonas de baixas emisións, aseverou o alcalde, «son instrumentos de xestión da mobilidade cos que axudar a promover un transvase a modos de transporte máis sostibles e o uso de vehículos alternativos de baixas emisións, como pode ser as motos ou os coches eléctricos». A este respecto, Caballero recordou a función do Vigo Vertical, os elevadores, as escaleiras e ramplas mecánicas implantadas na cidade.

O Concello prevé adaptar o seu modelo ao obxectivo do Plan Integrado de Enerxía e Clima (2021-2030), que estipula unha redución dos desprazamentos urbanos en vehículo privado motorizado do 35% de pasaxeiros por quilómetro.