O goberno de Vigo prevé abrir “nun prazo moi breve” a pasarela de Vía Norte á rúa Navarra

Forma parte da segunda fase da adecuación da Vía Verde, a senda peonil e ciclista que executa o Concello sobre o antigo trazado ferroviario, desde Urzáiz ata Chapela

Abel Caballero anunciou a próxima posta en uso do viaduto de 51 metros “nun prazo moi breve de tempo” e unha nova ordenación do tráfico na unión de Vía Norte con Escultor Gregorio Fernández “para mellorar a accesibilidade e a mobilidade”

O Concello avanza na execución da segunda fase da Vía Verde. O alcalde adiantou este luns a apertura da pasarela que enlazará Vía Norte coa rúa Navarra, un paso de 51 metros de lonxitude que salvará o “profundo desnivel” existente entre ambos puntos.

“Estamos rematando o tramo que vai desde Vía Norte á rúa Navarra”, manifestou Caballero, e “nun prazo moi breve de tempo imos poñela en funcionamento”. A pasarela parte desde o miradoiro de Vía Norte, próximo á intersección coa rúa Escultor Gregorio Fernández, que baixa desde a praza de Fernando O Católico. Desde alí, cando estea en funcionamento, os peóns poderán chegar ata a rúa Navarra a través desta nova ponte.

Na zona, Abel Caballero tamén adiantou que o Concello de Vigo está a traballar nunha nova ordenación do tráfico existente, redefinindo a circulación no cruce “para mellorar a accesibilidade e a mobilidade”, en verbas do alcalde.