O goberno de Vigo licita os traballos para sumar 15 novas medianeiras de arte urbano

O Concello lanza o contrato por 243.000 euros e xa seleccionou os espazos que acollerán novas obras de arte na rúa

O Concello lanza a sétima edición do seu programa “Vigo, cidade de cor” e licita as obras por 243.000 euros, para transformar quince novas medianeiras da cidade en arte urbana. Os emprazamentos elixidos ao efecto son os seguintes: Rúa José Fiaño Señor 12, Travesía de Vigo 85, Paulino Freire 1, Mestre Chané 9, Beiramar 115, Pablo Iglesias 20, CEIP Emilia Pardo Bazán, Avenida Balaídos 31, o muro da urbanización Sotavento (Paseo de Bouzas), o pavillón do Carballal, IES O Castro, as escaleiras de Quintela/Castelao, o muro do CEIP Mestres Goldar, as escaleiras da Seara e as da Avenida de Hispanidade.

“En consecuencia, quince novos espazos con arte urbano de excepcional importancia. Estamos recuperando zonas enteiras da cidade a través deste mecanismo”, explicou Abel Caballero en rolda de prensa, quen recordou que a proposta municipal inclúe unha acción cultural complementaria que eleva o conxunto da actuación aos case medio millóns de euros. Vigo dispón actualmente 133 creacións artísticas ao aire libre: “Somos das cidades de Europa con máis nivel, máis calidade e máis número de pinturas na rúa”, asegurou o alcalde.