O goberno de Vigo licita o ascensor HALO e data para verán o inicio das obras

A Xunta de Goberno Local aprobou este venres o expediente de contratación da obra, que presenta un orzamento de 12.676.000 euros, dos que case seis millóns proceden de fondos europeos aprobados polo Goberno de España

O proxecto prevé doce meses de obras

O alcalde puxo data este venres ao comezo do ano de obras para erixir o ascensor circular que unirá García Barbón co teito do Vialia: este verán. Anunciouno logo de ser aprobado os pregos de condicións e aberto o proceso de licitación pública que concluirá na adxudicación dos traballos á empresa que presente a mellor oferta.

A complexidade da obra e do procedemento, explicou Caballero en rolda de prensa, obriga a tramitar un contrato harmonizado que será publicado en boletíns europeos e contempla un período para eventuais recursos especiais. Sen contratempos, a previsión municipal é que as obras poidan comezar no verán.

O HALO é a proposta gañadora do concurso arquitectónico de ideas lanzado polo Concello de Vigo para unir García Barbón (entre as torres do Club Financeiro e o CEIP García Barbón) con Vía Norte a través da praza superior do Vialia. Unha vez elaborado o proxecto construtivo, o orzamento elevouse ata os 12,6 millóns, polo incremento dos custos das materias primas e en particular do aceiro e do vidro, elementos básicos neste deseño, segundo recordou o alcalde.

No tocante ao financiamento do elevador, Abel Caballero puxo en valor que esta obra recibiu 5.990.000 euros de fondos europeos repartidos polo Goberno de España a través do Programa para a implantación de zonas de baixas emisións. O HALO será “un fito na forma de ver esta cidade desde todo o mundo”, manifestou Caballero, “porque imos ter o ascensor, en ámbitos públicos, máis importante de ningunha cidade do mundo. E para isto o Goberno de España nos paga a metade do custo da obra. Estamos contentos”.

“Estamos poñendo en marcha a obra civil e arquitectónica máis complexa e seguramente máis importante que se fixo nunca na cidade de Vigo”, asegurou, “un ascensor de cincuenta metros de altura que recorre, nunha plataforma de máis de cen metros, espazo por encima da autoestrada”.

“Isto é recuperar a cidade de Vigo”, engadiu Caballero, “porque a autoestrada rompeu a cidade e empezamos a recuperar a cidade e a unión entre as dúas zonas da cidade, salvando un desnivel de cincuenta metros”. O obxectivo é conectar as áreas de García Barbón e Areal coas de Vía Norte e Urzáiz.